A Fegamp ve "insuficientes" para os concellos os orzamentos da Xunta

O Goberno galego aprobará esta terza feira as contas para 2023.
O conselleiro de Facenda, Miguel Corgos, e o vicepresidente segundo, Diego Calvo. (Foto: Xoán Crespo)
photo_camera O conselleiro de Facenda, Miguel Corgos, e o vicepresidente segundo, Diego Calvo. (Foto: Xoán Crespo)

Un Consello da Xunta extraordinario dará esta terza feira o visto e prace aos orzamentos para 2023, os "máis altos" da historia da Galiza, como o Goberno galego leva reiterando desde que a comezos de verán o conselleiro de Facenda, Miguel Corgos, explicase as liñas xerais destas contas. A aprobación na xuntanza do Goberno galego destes orzamentos permitirá que as contas se remitan ao Parlamento, para o debate e tramitación das mesmas na Cámara galega. A maioría parlamentar do PP apunta que os orzamentos serán finalmente aprobados, o que tería lugar cara a decembro.

Desde o Executivo galego defenden que estes orzamentos "contarán con máis de 9.000 millóns de euros para gasto social, que será o máis alto da historia da Galiza". A Xunta leva anunciando estes días que reforzará o gasto social tradicional —"sanidade, educación e políticas sociais"— así como tamén o gasto para o fomento do emprego.

O titular de Facenda e Administración Pública incide en que as contas do vindeiro ano tamén incluirán máis de 2.700 millóns de euros para investimentos, 8,5% máis que no presente exercicio. Aliás, onte mesmo, e após unha xuntanza con representantes da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), a Xunta anunciaba que aumentará en 135% o Fondo de Cooperación Local (FCL) adicional ao pasar de 12,9 a case 30,5 millóns de euros.

"Descontento" da Fegamp

Porén, o anuncio non convenceu a Fegamp, moi crítica con estas contas. A delegación da Federación Galega de Municipios e Provincias trasladou á Xunta na reunión de onte o "malestar dos Concellos" perante uns "orzamentos netamente insuficientes e decididos unilateralmente, sen contar coa Administración local".

O presidente da Fegamp, Alberto Varela, reprochou onte ao vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, e ao conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, que a Xunta faga "ouvidos xordos respecto ás necesidades da Administración local".

Varela lembrou aos representantes do Goberno galego que esta reivindicación conta co respaldo "de todos e cada un dos 313 Concellos galegos, que así o decidiron por unanimidade na Asemblea Executiva, máximo órgano da Fegamp".

A oposición, en alerta

O BNG instou onte de novo a Xunta a "retirar o pelotazo fiscal" do proxecto de orzamentos, mentres que o PSdeG afirmou ter "expectativas baixiñas" en relación con que as contas inclúa medidas "eficaces" para apoiar os sectores máis vulnerábeis. En senllas roldas de prensa, a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, e o voceiro parlamentar do PSdeG, e Luís Álvarez, respectivamente, foron preguntados polas contas públicas da Xunta para o ano que vén.

"O que esperamos é que eses orzamentos retiren a bonificación do Imposto de Patrimonio que o PP aproba para 7.700 millonarios", subliñou a líder da oposición. Con ese diñeiro, engadiu, "poderíanse contratar 700 médicos de Atención Primaria ou acabar coas listas de espera en dependencia". 

Pola súa parte, Luís Álvarez sinalou que os "macro" números non serven para "as persoas máis necesitadas", incidiu, antes de precisar que o seu grupo reclama unha suba de até 8,5% do complemento autonómico ás pensións non contributivas.

Comentarios