Entrevista

Alberto Varela, presidente da Fegamp: "Os Concellos non queremos ter que seguir a mendigar á Xunta"

Alberto Varela (Vilagarcía, 1975) preside a Federación galega de municipios e provincias (Fegamp) desde 2019 e é alcalde de Vilagarcía de Arousa desde 2015. Empraza a Xunta a negociar sobre as competencias partilladas entre ambas as dúas Administracións mais que, advirte, acaban recaendo sobre os petos dos concellos.
A Fegamp ten na súa Presidencia Alberto Varela Paz desde 2019. (Foto: Nós Diario)
photo_camera A Fegamp ten na súa Presidencia Alberto Varela Paz desde 2019. (Foto: Nós Diario)

—A Xunta vén de presentar un estudo sobre a delimitación de competencias das Administracións autonómica e local que semella unha resposta ao estudo das Fegamp que cifra en 620 millóns de euros o “déficit” dos concellos nas competencias partilladas con ela.
Non creo que isto teña que ir de que eles fagan un documento e nós outro, cada un con conclusións distintas. O informe da Fegamp tamén está feito por profesores universitarios, como o da Xunta. Así que dou por feito que os dous traballos son rigorosos mais o que hai é que sentar nunha mesa.

Os concellos debemos estar en todas as decisións que afecten a cidadanía”

—Por que non sentan na mesa?
Se non avanzamos sería unha decepción. O que pedimos non é algo unilateral do presidente da Fegamp, as decisións tómanse nunha Executiva onde están todas as formacións políticas: PP, BNG e PSdeG. Sería unha clara falta de vontade política [da Xunta] non sentar a falar das competencias sobre as que os Concellos levamos anos dicindo que non temos que asumir. Ningún alcalde, sexa da cor política que for, está conforme con que se nos diga que o Servizo de Axuda do Fogar (SAF) temos que financialo os Concellos, ou que o mantemento dos centros educativos teñamos que financialos os municipios, ou que calquera lei sectorial poida impor obrigas aos Concellos sen o financiamento correspondente.

—As diferenzas ao redor do financiamento volveron evidenciarse no proxecto de Orzamentos da Xunta para 2023. Os concellos pedían ao Goberno galego que o “parase” e negociase o fondo de cooperación local.
Levamos reclamando desde hai tempo que os Concellos teñen dereito a que por fin se avance na Galiza en ter unha lei na que todos os anos saibamos os municipios con que financiamento podemos contar, que parte dos ingresos da Comunidade autónoma imos ter. Que non teñamos que estar mendigando ano tras ano no fondo de cooperación local a ver se na Xunta teñen a ben incrementar os cartos que se reparten con criterios obxectivos. E pedimos ademais tamén á Xunta que a participación nos ingresos do Estado con carácter obxectivo que recibimos os Concellos aumentase no mesmo nivel en que aumentaron os ingresos do Estado para a Galiza. Non se nos fixo caso.

—Como están a afrontar os concellos a crise?
É duro. Os municipios asumimos un grande esforzo, sobre todo tarefas en ámbitos como o sanitario ou o social que non nos corresponden, como o do SAF. A moitos concellos suponlles un enorme esforzo, non só aos pequenos.

—Algo que tamén advirten sobre as escolas infantís e a súa gratuidade...
Esa gratuidade das escolas infantís, da que fai bandeira a Xunta, é grazas en gran medida aos Concellos, que con fondos propios sufragamos escolas infantís municipais e as do Consorcio. A Xunta bota unha man para a “universalización” ás privadas e nós o que pensamos e que o lóxico é que tamén asumise a parte dos Concellos.

—Como alcalde de Vilagarcía polo PSdeG, que futuro debería ter Gómez Besteiro, toda vz que xa non ten causas xudiciais?
Todo o que o coñecese e soubese de Gómez Besteiro e da súa capacidade política cando era secretario xeral do PSdeG teno na máxima consideración. Ao igual que ao actual secretario xeral, González Formoso.

Comentarios