Alberto Varela, presidente da Fegamp: "O tempo dirá quen leva a razón sobre a Lei da auga"

O alcalde de Vilagarcía, Alberto Varela, preside desde 2019 a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp). Deste mandato salienta o papel que xogou a Fegamp na pandemia e a "defensa dos intereses" dos 313 concellos do país; "a nosa forza", di. A Alfonso Rueda pídelle máis financiamento e delimitar as competencias.
Alberto Varela é presidente da Fegamp e alcalde de Vilagarcía. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Alberto Varela é presidente da Fegamp e alcalde de Vilagarcía. (Foto: Nós Diario)

—A Lei do ciclo da auga vén de iniciar a tramitación parlamentaria. Cal é a posición da Fegamp a respecto desta norma?

É evidente que temos un problema coa xestión da auga e cómpre abordalo. Nós dixemos en todo momento que, dada a importancia do tema, o ideal sería ter un consenso o máis amplo posíbel e que non fose preciso estar a presentar alegacións para corrixir determinadas cuestións.

Unha vez iniciada a tramitación parlamentaria, o tempo dirá se é axeitada. Preocúpame como van conseguir os concellos máis pequenos financiar ese terzo que lles correspondería sufragar, e tamén como se vai obter o financiamento do outro terzo que xa non lles toca ás deputacións após presentaren alegacións elas e a propia Fegamp [o resto asúmeo a Xunta].

—A Fegamp presentou un informe no que advertía dun encarecemento de até 60% na factura con esta nova lei, mais a Xunta négao.

Xerouse moita polémica con isto. Os informes técnicos da Fegamp din unha cousa e a Xunta di a contraria... O tempo vai demostrar se se encarece ou non, pero nós, desde logo, o que temos que facer é ir cos datos por diante. 

—Alfonso Rueda vén de tomar posesión como presidente da Xunta. Que 'deberes' lle impoñen os concellos?

A Xunta sabe desde hai moito tempo cales son as reivindicacións das administracións locais, e que o levemos demandando desde hai tanto demostra que eses deberes non se fixeron.

Principalmente pedimos un maior financiamento e con criterios obxectivos, vimos solicitando aumentar o Fondo de Cooperación Local. E, por outro lado, tan importante é o financiamento como a delimitación de competencias para que as administracións estatal e galega deixen de descargar na local competencias que se consideran impropias. E se cren que as deben asumir os concellos por seren a administración máis próxima á cidadanía, que vaian acompañadas do financiamento necesario.

—Que valoración fan as administracións locais da xestión e tramitación dos fondos Next Generation?

Xa están a chegar parte deses fondos aos propios concellos, mais hai que ter en conta que non é como o Plan E [impulsado polo Goberno de Rodríguez Zapatero], senón que veñen cuns criterios que marca Europa para afrontar o cambio climático, a transición enerxética... O que si nos preocupa é que cheguen aos concellos máis pequenos para abordar cuestións como o reto demográfico.

Tamén é importante botar unha man na xestión dos fondos, xa que as locais son as administracións que mellor coñecen as necesidades dun concello. A xestión non é sinxela e agardamos que tanto a Administración estatal como a galega traballen nesta liña, por exemplo, como fixo algunha deputación: pór unha oficina de asesoramento aos concellos máis pequenos para tratar de captar e xestionar eses fondos.

—Após dous anos e medio no cargo, que balance fai da súa xestión á fronte da Fegamp?

O máis importante, como vimos reivindicando moito tempo, é loitar por que se retome a senda do Pacto Local asinado polo Goberno de Pérez Touriño, que quedou parado e por iso insistimos en delimitar as competencias e aumentar o financiamento.

E do que xa conseguimos, saliento dúas cuestións: que a Xunta poña máis cartos para o servizo de axuda a domicilio, que era algo que lastraba os concellos —sobre todo os máis envellecidos—, e, por outra parte, a actuación da Fegamp durante a pandemia. Cando os alcaldes non sabían a que porta petar, nós fomos quen de informar e axudar nunha situación especialmente caótica.

Vilagarcía, unha cidade "amábel e dinámica"

Alberto Varela accedeu en 2015 á alcaldía de Vilagarcía e en 2019 revalidou o cargo con maioría absoluta. O rexedor evita facer unha valoración do seu mandato: "Iso téñeno que facer os cidadáns". Porén, salienta a "indubidábel transformación" de Vilagarcía en materia de humanización: "É unha cidade amábel, pensada para as persoas, e tamén moi viva e dinámica, con moitas actividades. Isto é unha mostra de que o noso modelo de cidade funciona, un modelo pensado tamén para o pequeno e o mediano comercio. De feito, hoxe hai máis empresas", subliña.

Varela fai énfase tamén nas medidas do Concello en materia de política social: "Axudamos a quen máis o necesita. A pandemia afectou moita xente e por iso aumentamos de forma importante o orzamento, con axudas de emerxencia ou bolsas para estudantes, entre outras medidas", precisa.

Comentarios