Miñóns, "satisfeito" coa entrada en vigor dos OXE

Comezan a súa andaina as contas estatais. O delegado do Goberno na Galiza, José Miñóns, amosou a súa satisfación por uns orzamentos que recibiron as críticas de BNG e PP.
José Miñóns cos Orzamentos Xerais do Estado para a Galiza (Foto: Delegación Do Goberno español).
photo_camera José Miñóns cos Orzamentos Xerais do Estado para a Galiza (Foto: Delegación Do Goberno español).

O delegado do Goberno na Galiza, José Miñóns, expresou esta terza feira a través dun comunicado a súa satisfacción pola entrada en vigor dos Orzamentos Xerais do Estado (OXE) 2023, unhas contas que cualificou como “as máis sociais da historia” malia as críticas que recibiron no seu momento polo BNG e o PP. 

O delegado incidiu no aspecto "social" dos orzamentos estatais que, no caso da Galiza, indicou que teñen un investimento asignado de case 1.200 millóns de euros. Lembrou, ademais, que a Xunta recibirá do sistema de financiamento 9.402 millóns de euros. Outro dos puntos que resaltou foi a revalorización das pensións -de 8,5% este ano- unha medida que, cre, ten "un forte impacto" na Galiza. 

En relación ás infraestruturas, o delegado apuntou que o orzamento do Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana para a Galiza contempla máis de 1.056 millóns, dos cales, destacan 433 para actuacións ferroviarias.

Críticas do BNG polo elevado gasto militar

O BNG, que se abstivo na votación destes Orzamentos, sinalou que son unhas contas "insuficientes para a Galiza e as clases populares". Ademais, o deputado nacionalista no Congreso, Néstor Rego, votou en contra dos apartados referidos á Casa Real e a Defensa lembrando que a partida que máis sobe foi a de Defensa, con “máis de 17.000 millóns de euros a maiores entre 2023 e 2029 para gasto militar”.

No que atinxe ás infraestruturas, desde a formación nacionalista botaron en falta a implantación dun servizo de tren de proximidade nas cidades galegas e as súas áreas de influencia, así como rematar a construción da A-54. 

Contas “retraídas” en opinión do PP

Para o PP as contas aprobadas polo Goberno español son “retraídas” coa Galiza e centraron a súa critica nas infraestruturas.

Cuestionaron o investimento ferroviario, en concreto o da alta velocidade, no que "non se consignan partidas orzamentarias suficientes para avanzar nas obras pendentes" na liña Ourense-Zamora "nin para a variante de Cerdedo". Neste sentido, denunciaron que "o baixo orzamento" para estradas que supón a "paralización de autovías como a da Mariña, a de Lugo-Ourense, a de Vigo-O Porriño ou a da A-54".

Comentarios