Os Concellos suman 624 millóns de déficit por prestar servizos da Xunta

A Fegamp urxe aumentar o fondo de cooperación local
O presidente da Fegamp, Alberto Varela, onte en rolda de prensa. (Foto: Fegamp)
photo_camera O presidente da Fegamp, Alberto Varela, onte en rolda de prensa. (Foto: Fegamp)

Os Concellos galegos asumen anualmente un déficit de 624 millóns de euros pola prestación de servizos que ou ben son compartidos polos municipios e a Xunta ou son competencia exclusiva da Administración galega.

Así o determinou un informe elaborado pola Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), que advirte da fenda económica que existe entre o desembolso de 1.000 millóns de euros para atender estes servizos e os 381 millóns que perciben para a súa cobertura a través de transferencias procedentes do Goberno galego.

As conclusións do documento foron presentadas hoxe en Santiago polo presidente da Fegamp, Alberto Varela, que instou o Executivo galego a mover ficha e convocar unha reunión para abordar unha demanda "histórica" das entidades locais galegas: o incremento do fondo de cooperación local ligado a unha mellor definición das competencias a desempeñar por cada Administración.

A análise que engloba os 313 concellos e as catro deputacións xorde das conversacións mantidas coa Xunta en 2019, cando ambas as partes se emprazaron a dar continuidade ao Pacto Local Galego de 2006 e estudar o contexto económico e administrativo para mellorar o financiamento das entidades locais e, por ende, a prestación de servizos á cidadanía.

As transferencias que reciben os Concellos da Xunta só cobren un de cada tres euros do gasto que leva a prestación destas competencias que non son da súa competencia exclusiva, segundo os cálculos elaborados pola Fegamp.

O balance mostra un déficit de 624 millóns ao ano para os concellos, que protestan polo mantemento das contías que a Xunta outorga ao fondo de cooperación local durante os últimos anos nos que se produciu un incremento das transferencias que reciben as autonomías, algo que non repercutiu no apoio económico aos municipios.

O informe apunta que a Xunta percibiu en 2020 82% dos ingresos, mentres que os Concellos recibiron 14% e as deputacións 3%. Así mesmo, 84% das transferencias do Estado vai á Xunta, mentres que 8,6% aos municipios e 5,4% ás deputacións. 

Comentarios