18-F

Estimada a denuncia do PSdeG contra Rueda por emitir valoracións como candidato tras o Consello da Xunta

A Xunta Electoral arquiva o recurso de Vox contra o debate da CRTVG e outro do BNG contra varias campañas da Xunta
O presidente Alfonso Rueda, na rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta do pasado 21 de decembro. (Foto: Arxina)
photo_camera O presidente Alfonso Rueda, na rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta do pasado 21 de decembro. (Foto: Arxina)

A Xunta Electoral estimou unha denuncia do PSdeG contra o presidente da Xunta e candidato do PP ás eleccións do próximo 18 de febreiro, Alfonso Rueda, por emitir valoracións como "candidato" na rolda de prensa posterior ao Consello de la Xunta.

A resolución conclúe que o titular do Goberno galego "incorreu na prohibición estabelecida no apartado 2 do artigo 50 da Lorex, sen que, unha vez ponderado o alcance das frases con connotación electoralista, proceda a incoación dun procedemento sancionador".

Os socialistas denunciaron que na rolda de prensa do Consello do pasado 22 de xaneiro, Rueda realizara manifestacións relativas a "logros alcanzados polo Goberno actual, así como na súa consideración de candidato ás eleccións".

Entre as afirmacións que presentaron ante a Xunta Electoral atopábase unha na que o presidente da Xunta sinalaba que o seu obxectivo como "candidato" é "ter esa maioría absoluta que me permita seguir gobernando".

O PSdeG considera que esta afirmación, entre outras, nun espazo "dedicado á presentación informativa dos acordos da Xunta, coa imaxe e nome da Xunta, supón unha clara infracción do principio de neutralidade e debe considerarse unha actuación contraria aos artigos 50 e 53 da Lorex, debido a que se inclúen frases que teñen un claro carácter electoralista".

A Xunta Electoral concluíu que esta forma de proceder "vulnerou o principio de neutralidade dos poderes públicos" e aclara que resulta lexítimo dar conta nunha rolda de prensa dos acordos adoptados polo Consello de Goberno e posteriormente incorporar esa referencia á web instucional en período electoral, pero non pode utilizarse ese acto para realizar afirmacións que poidan entenderse como logros ou realizacións do citado consello por resultar contrario ao disposto no artigo 50.2 da Lorex.

Campañas da Xunta

Por outra parte, a Xunta Electoral decidiu arquivar un recurso do BNG contra varias campañas da administración autonómica. En concreto, trátase de 'Amar Galicia', 'viaxes gratis en autobús' e 'bono coidado no fogar'.

En relación coa primeira, entende que deben enmarcarse no contexto da vertedura de pellets que chegaron ás costas galegas, polo que non pode estimar a fundamentación da denunciante, xa que "debe considerarse que a información difundida ten por clara finalidade tranquilizar á poboación e, igualmente, darlle confianza e seguridade en relación co consumo dos produtos galegos do mar; sen que se aprecien connotacións electoralistas no desenvolvemento da mesma".

Ademais, considera que coa palabra 'bulo', que se recolle no anuncio da Xunta e figura tamén nas redes sociais do PP, a mensaxe institucional "non queda desvirtuada", xa que esta "coincidencia" non supón que "se infrinxa a prohibición do artigo 50.2 que, por tratarse de fontes de información diferentes, non se induce a erro aos electores".

No caso da campaña 'Viaxes gratis en autobús', a Xunta Electoral non advertiu que se puidese considerar como campaña de logros ou realizacións a difusión sobre o uso gratuíto do transporte público para maiores de 65 anos. E a que se refire ao bono coidado no fogar, entende que a mensaxe se limita a informar sobre o modo de formalizar a solicitude, "sen que conteña expresións que eloxien o traballo da Consellería".

Recurso de Vox

Ademais, a Xunta Electoral arquivou o recurso presentado pola formación Vox contra o plan de cobertura do 18 de febreiro presentado pola CRTVG, no que solicitaba que se lle considerase tanto para o debate como para os bloques informativos nas mesmas condicións que a Podemos e Sumar.

A Xunta Electoral alega que non pode pronunciarse sobre "feitos hipotéticos e futuros", xa que no momento no que Vox presenta a denuncia a CRTVG aínda non remitira á xunta electoral o seu plan de cobertura informativa dos comicios autonómicos.

Ademais, a resolución da Xunta Electoral recolle tamén que Vox obtivo un 2,05% dos votos validamente emitidos nas eleccións ao Parlamento de Galicia celebradas en 2020, "dato moi afastado da cifra requerida por o artigo 66 da Lorex [...], un número de votos igual ou superior ao 5% dos votos validamente emitidos".

Aprecia a Xunta Electoral que este dato é extrapolábel ás restantes eleccións (locais e xenerais do ano 2023, nas que VOX obtivo un 0'63% e un 4'87% do voto nas catro circunscricións galegas).

Comentarios