18-F

A Xunta Electoral apercibe o PP e ordena a retirada desta campaña publicitaria contra a oposición

A Lei electoral subliña que non se pode difundir propaganda electoral nin realizarse acto algún de campaña electoral durante o período comprendido entre a convocatoria das eleccións e a iniciación legal da campaña.
Alfonso Rueda, no acto do PP deste domingo na Coruña. (Foto: M. Dylan / Europa Press)
photo_camera Alfonso Rueda, no acto do PP deste domingo na Coruña. (Foto: M. Dylan / Europa Press)

A Xunta Electoral vén de ordenar ao Partido Popular que retire unha campaña contra a oposición difundida en distintos soportes publicitarios na vía pública -e tamén nas redes sociais- despois dunha denuncia presentada polo PSdeG-PSOE. Nestes carteis pódense ler mensaxes como 'Se crees que a carta aos Reis dos nenos é demasiado longa, imaxina como será a de Puigdemont' ou 'Se vos levades na familia como PSOE, Sumar, Podemos, EU, BNG e Anova, lembrade que nas festas non é obrigatorio falar de política'.

Na resolución, con data desta mesma segunda feira e á que tivo acceso a axencia Europa Press, a Xunta Electoral de Zona de Pontevedra dá un prazo de 24 horas aos populares para facer efectiva a retirada desta campaña. Ademais, dá outras 24 horas para a realización de alegacións por parte da formación que lidera Alfonso Rueda.

Na denuncia, o Partido Socialista sinala que cando menos na última semana de decembro e na primeira de xaneiro o PP colgou estes carteis en varias localidades galegas a pesar de que o artigo 53 da Lei electoral subliña que non se pode difundir propaganda electoral nin realizarse acto algún de campaña electoral durante o período comprendido entre a convocatoria das eleccións e a iniciación legal da campaña.

Os socialistas tamén lembran que a lei impide ás formacións contratar espazos, soportes ou sitios para a difusión de propaganda electoral en lugares públicos desde a data da publicación da convocatoria electoral até o trixésimo sétimo día posterior á convocatoria.

Despois da denuncia, a Xunta Electoral de Zona dáse por enterada e acorda requirir ao PP a retirada dos carteis no prazo citado, "baixo o expreso apercibimiento de tramitación da denuncia co nomeamento de instrutor que por quenda corresponda".

Comentarios