18-F

A Xunta Electoral ordena retirar unha noticia do Goberno galego por "vulnerar o principio de neutralidade"

A Xunta da Galiza vese obrigada a eliminar unha publicación da súa páxina web na que publicitaba a sinatura co Concello de Ferrol do convenio 'Abrir Ferrol ao mar', pois "desborda o contido obxectivo e necesario para a salvagarda do interese público".
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, e o alcalde de Ferrol, José Manuel Rey Varela. (Foto: Xunta)
photo_camera O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, e o alcalde de Ferrol, José Manuel Rey Varela. (Foto: Xunta)

Aínda non comezou oficialmente a campaña e a Xunta Electoral parece non dar abasto. Desde que o presidente galego, Alfonso Rueda, anunciou a convocatoria de eleccións para o vindeiro 18 de febreiro non pararon de chegar denuncias de diferentes formacións políticas... e tamén apercibimentos en moitos dos casos. Polo de agora o Partido Popular xa se viu obrigado a suprimir dúas campañas contra a oposición publicadas en redes sociais, a primeira por "difundir propaganda electoral" fóra do período legal e a segunda por pretender "camuflar" como "informativo" a pesar de incluír "frases electoralistas" e supor implicitamente "unha chamada" a apoiar aos populares o 18-F.

E esta segunda feira o ente que vela polo 'xogo limpo' nos comicios emitiu un novo pronunciamento —difundido hoxe polo Tribunal Superior de Xustiza da Galiza—, desta volta contra o Goberno galego, entendendo que incorreu nunha "vulneración do deber de neutralidade" en relación cunha denuncia interposta polo PSdeG.

As socialistas facían alusión no seu escrito á difusión dada á sinatura do convenio de colaboración entre a Xunta e o Concello de Ferrol para o proxecto 'Abrir Ferrol ao mar', "e o contido que do mesmo se recolle na páxina web institucional da Xunta". Desde o ente regulador electoral apuntan que "todas as circunstancias determinan que esta Xunta [Electoral] entenda que o contido da noticia denunciada desborda o contido obxectivo e necesario para a salvagarda do interese público".

"E como ten reiteradamente declarado a Xunta Electoral Central, durante os períodos electorais as páxinas webs de titularidade pública deben cinguir a súa información aos acordos adoptados pola institución á que pertenzan, así como aqueles outros que resulten imprescindíbeis para a salvagarda do interese público ou para o correcto desenvolvemento dos servizos públicos, debendo absterse de incluír outras mensaxes que poidan ter un carácter electoralista contrario á obriga de respecto aos principios de neutralidade e igualdade entre os candidatos electorais", subliñan.

En consecuencia, ao concluírse que se vulnerou o "deber de neutralidade" do Goberno galego diante dos comicios, a Xunta viuse obrigada a suprimir esta noticia da súa páxina web.

Comentarios