18-F

A Xunta Electoral deixa Democracia Ourensá fóra dos espazos electorais gratuítos en medios públicos

A formación de Xácome tampouco estará no debate da CRTVG.

No centro, Gonzalo Pérez Xácome, esta quinta feira na presentación dos Entroidos 2024 de Ourense. (Foto: G. P. X.)
photo_camera No centro, Gonzalo Pérez Xácome, esta quinta feira na presentación dos Entroidos 2024 de Ourense. (Foto: G. P. X.)

A Xunta Electoral da Galiza resolveu deixar a Democracia Ourensá (DO), o partido que lidera o alcalde da cidade das Burgas, Gonzalo Pérez Xácome, fóra dos espazos electorais gratuítos nos medios públicos. Segundo o acordo da Xunta Electoral desta mesma quinta feira, un total de 10 partidos dos 11 que presentan candidaturas na Galiza para as eleccións galegas do 18 de febreiro terán espazos electorais gratuítos en TVG, Radio Galega, TVE e Radio Nacional de España.

En concreto, as formacións políticas que terán espazos gratuítos de propaganda electoral conforme o número de votos obtido nas eleccións galegas de 2020 serán PP, BNG, PSdeG, Vox, Sumar, Podemos, Pacma, Espazo Común Galeguista, Por un mundo máis xusto e Escanos en branco.

Contra esta repartición, os representantes das entidades políticas poderán interpor recurso de alzada ante a Xunta Electoral da Galiza ata as 11 horas do 27 de xaneiro.

Tamén fóra do debate

Democracia Ourensá (DO) tamén denunciará ante a Xunta Electoral o plan de debate exposto pola CRTVG, á vez que augurou que, en todo caso, con independencia do que resolva o órgano en si, a cita prevista para o día 5 na televisión pública galega será "irrelevante" e sen "apenas" audiencia.

Nun comunicado, a formación sinalou que o feito de que a TVG convide a un debate aos candidatos de "PP, PSdeG, BNG, Sumar e Podemos", mais non a DO nin a Vox significa que os populares "usan os recursos públicos para o que cre o seu beneficio: xuntar á esquerda para dividir o voto do PSOE". Non en balde, matiza que, "aínda que DO é transversal", os populares entenden que "resta máis ao PP".

Comentarios