18-F

Rueda tira de chequeira ás portas da campaña: as súas promesas electorais custan 450 millóns ás galegas

O Goberno de Alfonso Rueda aprobou en decembro anticipacións de gasto para axudas de 2024. Suman 125 millóns de euros que a Xunta da Galiza se asegurou de ter aprobados para usar en campaña electoral. Ademais, Rueda leva a precampaña prometendo axudas económicas, moitas sen estaren aprobadas.
O presidente da Xunta da Galiza, Alfonso Rueda, esta quinta feira, no Consello do Goberno. (Foto: Arxina)
photo_camera O presidente da Xunta da Galiza, Alfonso Rueda, esta quinta feira, no Consello do Goberno. (Foto: Arxina)

Logo de convocar o 22 de decembro as eleccións galegas, o Goberno galego presidido por Alfonso Rueda aproveitou o remate de 2023 e o que vai deste mes, en plena precampaña electoral, para "regar" o Diario Oficial da Galiza (DOG) con cartos públicos. Só este mes van máis de 50 publicacións de axudas que suman 350 millóns de euros. A maiores, logo de convocar as eleccións, no Consello da Xunta decorrido o 28 de decembro, o Executivo de Rueda aprobou pagamentos anticipados de axudas para 2024 por importe de 124,9 millóns de euros. Esta mesma quinta feira, o Executivo aprobou uns 50 millóns en axudas. As denuncias da oposición publicamente e diante da Xunta Electoral sucédense desde que comezou o ano.

O Goberno de Rueda ten convertido este mes de xaneiro de 2024 nun regueiro de axudas e subvencións non só no DOG, senón tamén en notas de prensa. O presidente da Xunta da Galiza agardou ao 20 de decembro a ter os orzamentos aprobados. Coa vía libre de gasto aberta, a comezos do mes de xaneiro, logo das festas de Nadal, comenzaron os anuncios de axudas e subvencións a ateigar os DOG a diario. Nos últimos anos nunca un mes de xaneiro foi tan prolífico o Goberno galego e ao estar en precampaña electoral e co feito de tratarse de cartos públicos, estes anuncios do Goberno de Rueda están a ser obxecto de críticas e denuncias. O certo é que un Goberno use nun só mes 350 millóns de euros dun orzamento anual de 13.257 non é habitual e, di a oposición, "non semella casual".

Pagos anticipados

Nos dous Consellos do Goberno galego seguintes á convocatoria electoral (21 e 28 de decembro) a Xunta preparou o terreo da precampaña. O 21 de decembro aprobaron a tramitación anticipada dos pagamentos da chamada Tarxeta Benvida da Consellaría de Política Social por importe de 31,4 millóns, e uns días despois a Xunta ampliaba estas axudas ás galegas embarazadas xa na 21 semana de xestación. Nese mesmo Consello, Medio Rural facía o propio cos pagamentos anticipados de dúas liñas de axudas básicas ao sector agrogandeiro, 3,5 millóns de euros de fondos Feader, e 2,5 millóns da PAC.

Pero foi o Consello da Xunta do 28 de decembro o máis prolífico. Nesa reunión, o Goberno galego aprobou un total de 14 autorizacións de pagamentos anticipados de axudas do exercicio 2024. Así, saíron adiante anticipos de entre o 90 e o 100% de axudas como 47 millóns dos Feader, outros 15 millóns da 'misión especializada intelixente 2024', 4,8 millóns do programa Investigo, 5,7 para axudas á dixitalización dos ciclos da augas municipais, e 3 millóns de euros para adiantar cartos de convenios co Clúster das Enerxías Renovábeis, o TIC Galiza ou o da Función Loxística, ademais de cursos de transición ecolóxica e un convenio coa Fundación Laboral da Construcción.

Tal foi a previsión deste Consello da Xunta que mesmo se anticipou o gasto dos convenios coa Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) e as Deputacións de Pontevedra e Lugo en materia de medios e recursos contra os incendios forestais, unha suma de 4,3 millóns de euros. Nos seguintes Consellos non hai rastro de ningún anticipo.

350 millóns en anuncios no mes de xaneiro

Chegou o mes de xaneiro e o día 3 o Goberno de Rueda anunciaba 1,5 millóns en Bolsas Erasmus, 5,4 en axudas ás vítimas de violencia de xénero e 650.000 euros para cursos de dixitalización en distintas entidades. Deixou o presidente pasar as datas de Reis e o DOG do 8 de xaneiro publicaba 1,5 millóns en axudas ao sector apícola e 264.000 para titulares dos terreos de caza. Ao día seguinte, o DOG recollía máis de 30 millóns de euros en axudas, 28,9 para novas e novos autónomos e 1,3 para as pequenas e medianas empresas que contraten xestores de internacionalización.

O 10 de xaneiro a cifra dos anuncios de Rueda no DOG alcanzou os 4 millóns de euros: 3 para o Bono enerxía peme, 1 para indemnizacións a gandeiros por sacrificios da enfermidade hemorráxica epizoótica e 900.000 euros en axudas para protexer o gando do lobo. Ao día seguinte subiu o importe até os 39,9 millóns, sendo 31,4 para Tarxeta Benvida e outros 8,5 para fomentar a contratación de seguros agrarios.

O 15 de xaneiro os anuncios voltaron a dar un salto cuantitativo, perto de 30 millóns de euros. Ese día a Xunta anunciou 20 millóns  (para dous anos)  en axudas ao pago de alugueres, outros 3,5 millóns para mellora de infraestruturas municipais, 2,3 para un programa de prevención e control de enfermidades gandeiras e axudas de entre 3.000 e 40.000 euros para a mellora de exteriores de vivendas particulares e equipamentos municipais.

Ao día seguinte tocou o quenda ao voto emigrante e a Xunta  anunciaba 1,35 millóns para o funcionamento e actividades dos centros galegos no exterior e outros 220.000 euros para axudas a criadores de razas autóctonas. O 17 de xaneiro o monto de anuncios chegou aos 2,4 millóns. Ese día comprometeu coa Federación Galega de Confrarías 15 millóns en axudas pola caída nos ingresos do sector, outros 3,5 millóns para a mellora de estabelecementos turísticos, 2,06 en compensacións polos danos causados polo lobo e o xabarín e 340.000 euros en axudas para agrupacións de voluntarios de Protección Civil. Tamén abriu a Xunta o prazo de solicitudes ese día do programa  Renova o teu vehículo'.

O 18 de xaneiro, a un mes das eleccións, o PP sumou en anuncios 45,9 millóns de euros máis. O maior fíxoo Rueda, 30 millóns (iso so, até 2026) para unha liña de axudas a pemes para promover novos proxectos empresariais. Ademais ese mesmo día no DOG a Xunta elevou até 7,15 millóns o orzamento para a contratación de persoal de orientación laboral. Tamén se publicaron outros 5,3 millóns en axudas para a eficiencia enerxética nos servizos municipais (2024-2025). A Xunta anunciou aos concellos 2,5 millóns para contratar vítimas da violencia de xénero e outros 950.000 euros para axudas ás ANPAs á organización de actividades sobre esta temática.

Tamén o 18 de xaneiro a Xunta anunciou que 104 empresas da cadea mar-industria ían recibir axudas públicas polos custos afrontados pola guerra de Ucraína (malia o Goberno galego non dicir que 75% desas axudas son do Fondo Europeo Marítimo e de Pesca da Unión Europea). O día 19 sumouse ao regueiro de cartos 1,4 millóns para axudas a taxis adaptados e a boa gobernanza dos montes veciñais en man común.

A Consellaría do Medio Rural está a ter un importante papel neste despregue de anuncios. A comezos de xaneiro anunciou 44 millóns para plans de mellora e a incorporación da mocidade ás pequenas explotacións e outros 12 millóns para os produtores da IXP Tenreira Galega (cun prazo de solicitude entre o 4 de xaneiro e o 5 de febreiro). O 22 de xaneiro, Medio Rural publicou no DOG 47 millóns en axudas do programa de desenvolvemento rural (plurianual e cofinanciado pola UE e o Estado) con 27 millóns en 2024. Ese mesmo día, a Xunta anunciou 9,5 millóns do Bono Autónomo e do Bono Nova Oportunidade e axudas a 93 empresas de transporte de viaxeiros e mercadorías por estrada.

Achegándose o final de xaneiro e o comezo da campaña electoral, a Xunta segue adiante con esta singradura. O 23 de xaneiro anunciou 800.000 euros en axudas a mocidade para o carné de conducir (só para quen o sacou xa en 2023) e 449.352 euros para os centros privados concertados. Esta mesma semana o rego de cartos alcanzou os 18,5 millóns, 14,6 para a contratación de 1.100 desempregados en Concellos, 2,7 para o Bono Consolida de transformación verde e dixital, 1,2 para saúde mental e unha convocatoria de axudas de até 7.500 euros para citas de artes escénicas e musicais do Plan xeración cultura. Ademais, desde o mes decembro, a Xunta destinou 711.457 euros a medios de comunicación conservadores a través de 105 contratos menores "a dedo".

Rueda argumenta o gasto

Na última semana antes de comezar a campaña electoral, ao PP tamén lle deu tempo a anunciar aos Concellos axudas do Fondo de Compensación Ambiental por importe de 11 millóns de euros. Esta mesma quinta feira, ao finalizar o Consello da Xunta, Rueda anunciou 2 millóns para o programa Retorna e 46 millóns para formar 2.000 persoas desempregadas até 2025, entre outras axudas. Preguntado por Nós Diario, pola acumulación de anuncios de gasto público en precampaña, Rueda respondeu: "A nosa obriga é gobernar".


Denuncias políticas e críticas dos sectores

Os anuncios de axudas públicas enunciados polo Goberno galego desde que Rueda convocou eleccións non teñen pasado desapercibidos para os partidos da oposición. Tanto o BNG como o PSdeG denominaron esta semana esta práctica do Executivo galego como “clientelar, caciquil e electoralista” perante os comicios do vindeiro 18 de febreiro. O director de campaña do BNG, Rubén Cela, denunciou que estes anuncios deixan ás claras “o uso dos fondos públicos da Xunta ao servizo da estratexia electoral do PP”. Tamén a candidata do PSdeG pola Coruña Patricia Iglesias criticou esta cuarta feira que “o PP pon a Xunta ao seu servizo, baleirando as arcas públicas coas peores prácticas caciquís”. A formación socialista afea ao PP que “queiran facer nun mes o que non fixeron en 15 anos”.

Cela explicou que estes feitos amosan que “o PP está nervioso porque sabe que pode perder a maioría absoluta e recorre á mentira”. O certo é que estas cifras millonarias de anuncios e axudas nun mes de xaneiro son algo inédito nun Goberno da Xunta, a moitos colectivos sociais non lles pasa desapercibido cada titular millonario que o Goberno de Rueda leva vendendo a diario este mes.

Pero a pesar da inxente cantidade de millóns no DOG estes días, a realidade é outra, e o sector pesqueiro galego vén de criticar a Xunta por ofrecer “axudas insuficientes” logo dos problemas polo que está a atravesar no último ano con perdas millonarias -as axudas ao mar foron criticadas polo marisqueo ao suporen só 550 euros por persoa, é dicir, dúas cotas de autónomos, co que non compensan as perdas de 2023-. Os sindicatos agrarios tamén critican a falta de apoio da Xunta, logo de prometerlles anticipos de axudas pola PAC, “agora nos din que están aprobados, pero que non poden pagar até abril”, explican a Nós Diario.

Comentarios