A Comisión Europea propón considerala "verde"

A enerxía nuclear suscita o debate en Europa

A Comisión Europea difunde o borrador dunha proposta para considerar a enerxía nuclear "verde" para acelerar a descarbonización. Os gobernos alemán, austriaco e español opóñense a esta medida.
Imaxe de arquivo dunha central nuclear, ao fío da proposta da Comisión europea de considerar 'verde' esta tecnoloxía (Foto: Thomas Lenne).
photo_camera Imaxe de arquivo dunha central nuclear, ao fío da proposta da Comisión Europea de considerar 'verde' esta tecnoloxía (Foto: Thomas Lenne).

A Comisión Europea fixo circular entre os estados membro este sábado un borrador de proposta que clasifica como 'verde' o investimento en determinados proxectos de enerxía nuclear ou gas natural.

Deste modo, propón dar esta cualificación aos proxectos que substitúan o carbón e emitan até 270 gramos de CO2 por quilowatt e hora (gr CO2/KWh). As licenzas de construción poderían obterse até 2030, sempre que exista un plan para mudar á enerxía renovábel ou de baixas emisións antes do remate de 2035.

"A Comisión considera que o gas natural e a nuclear poden cumprir unha función para facilitar a transición cara a un futuro baseado predominantemente nas renovábeis", explicou o organismo comunitario, a través dun comunicado.

A Unión Europea (UE), aliás, declarou a súa intención de lograr a neutralidade das emisións de CO2 para 2050 reducindo a contaminación en todas as áreas, incluídas enerxía e transporte.

Reaccións políticas

Esta proposta foi criticada polo eurodeputado dos Verdes alemáns Michael Bloss: "Incluír a enerxía nuclear e o gas na taxonomía da UE é como etiquetar como orgánico un ovo de galiñas engaioladas".

Este domingo, a ministra austriaca para Acción Climática, Leonore Gewessler, afirmou que o seu goberno "denunciará" o plan "se se pon en marcha tal e como está redactado". Así, acusou a Comisión de facer un "lavado de cara" dunha fonte enerxética que é "perigosa" e "en ningún modo representa unha solución contra a crise climática".

Tamén o líder adxunto do Partido Socialdemócrata (SPD) no Parlamento alemán, Matthias Miersch, declarou que "Alemaña debería esgotar todas as posibilidades á hora de evitar a promoción desta tecnoloxía a nivel europeo", porque a nuclear, ao seu xuízo, é "insostíbel" e "non ten sentido desde un punto de vista económico".

Pola súa parte, a vicepresidenta segunda do Goberno estatal e ministra de Traballo, Yolanda Díaz, instou a Comisión Europea a mudar de opinión: "Europa aínda ten a oportunidade de reconsiderar esta decisión para evitar afastarse da evidencia científica e a demanda social. Temos a responsabilidade política de perseguir un Green Deal transformador e ambicioso para a cidadanía europea".

E a ministra para a Transición Ecolóxica, Teresa Ribera, engadiu este domingo: "Independentemente de que poidan seguir producíndose investimentos nunha ou outra, consideramos que non son enerxías verdes nin sostíbeis".

Para ser aprobado o texto precisa do voto favorábel de, cando menos, 20 países da UE que no seu conxunto representen 65% da poboación dos 27 estados membro.

Comentarios