As "enerxías verdes" que veñen: gas e nuclear

Os grandes investimentos enerxéticos de Berlín e París e a dinámica electoral actual nas dúas principais potencias da UE poden influír en Bruxelas á hora a definir que é e que non é un proxecto sustentábel. Mais o partido contra a emerxencia climática –sinala o ecoloxismo– non dá marxe a poder facer trampas.
EuropaPress_3940830_16_september_2021_france_paris_french_president_emmanuel_macron_receives
photo_camera A chanceler alemá, Angela Merkel, e o presidente francés, Emmanuel Macron, nunha visita da primeira ao Elíseo o 16 de setembro (Foto: Sadak Souici / Le Pictorium Agency)

Un grupo de dez Estados da UE, liderados por Francia, instaron á Comisión Europea a través dunha carta a recoñecer a nuclear como unha "enerxía verde", dentro do plan de transición ecolóxica que o bloque comunitario afronta nas vindeiras décadas co fin de acabar co uso dos combustíbeis fósiles como o carbón.

Bulgaria, Chequia, Croacia, Eslovaquia, Eslovenia, Finlandia, Hungría, Polonia e Romanía son, xunto ao francés, os Estados asinantes da misiva, a maioría xa coa atómica como parte do seu plan enerxético. 

O manifesto, en resumo, defende que é limpa, segura, non depende de terceiros países e é competitiva. Unha enerxía de baixas emisións de dióxido de carbono (CO2, principal causante do quecemento global), que ademais permite a creación de emprego cualificado.

Doutra banda, organizacións como Greenpeace consideran que a nuclear é "extremadamente cara, perigosa e lenta de instaurar". Os danos que provoca á saúde humana e ambiental, tal e como se puxo de manifesto nos accidentes de Chernobyl, en 1986, ou de Fukushima, en 2011, son tamén argumentos dos críticos con esta enerxía.

Tal e como revelou un recente documento interno, o Executivo comunitario non é contrario á súa inclusión dentro da guía de "enerxías verdes" dada a súa baixa emisión de CO2. Porén, dentro do bloque existe unha importante división. Bruxelas sinalou que se adoptaría unha decisión definitiva antes de final de ano, mais a falta de consenso podería adiala.

Bloque antinuclear

As plantas nucleares supoñen máis dunha cuarta parte da enerxía producida na UE. En Francia, esta porcentaxe chega case a 75%. Da outra banda sitúase Alemaña, que prevé fechar todos os reactores en 2022. Austria, Dinamarca, España e Luxemburgo son os outros Estados que avogan por que a UE exclúa a enerxía atómica da guía das que están en cumprimento co Acordo de París. 

Estes cinco Estados enviaron tamén unha carta á Comisión ao respecto en xullo pasado, poucos días antes de Bruxelas presentar a folla de ruta verde que deberá cumprir calquera investimento de fondos. Agora, a chegada de París á Presidencia de quenda da UE o próximo 1 de xaneiro podería influír en facer inclinar a balanza a favor da enerxía atómica. 

Eleccións francesas

Inmerso na precampaña electoral á procura da súa reelección en abril, o presidente francés, Emmanuel Macron, anunciou onte o plan France 2030, que contempla un investimento de 30.000 millóns de euros para reindustrializar o país a través da transición ecolóxica e dixital que promulga Bruxelas. Destes, mil millóns irán destinados á construción de novos reactores nucleares.

Un Macron que ao comezo do seu mandato propoñía unha redución ao 50% da dependencia nuclear para a produción de enerxía. A esquerda mantense en posicións antinucleares, e candidatos da dereita, como Valérie Pécresse, e da ultradereita, como o ascendente Eric Zemmour, avogan firmemente por ela. O presidente galo ─máis preocupado por atinxir o voto a que aspiran estes dous últimos─ tornouse en paladín da enerxía atómica.

A UE importa arredor de 60% do total da enerxía que consume, sobre todo gas e petróleo rusos (no caso do gas, 43,4% do total en 2020, segundo Eurostats) Esta gran dependencia é un dos factores que se argumentan para o incremento xeneralizado na UE da factura da luz. Razón esgrimida por Francia e os outros nove Estados para argumentar a aposta pola nuclear. Dez membros que, sumados, teñen capacidade de bloqueo no Consello Europeo.

Eleccións alemás

Berlín, pola súa banda, fixo unha forte aposta polo gas natural, co gasoduto ruso Nord Stream 2 a piques de comezar a bombear directamente a Alemaña. Tamén o gas, como a enerxía nuclear, entra dentro desde debate sobre se debe facer parte da chamada "taxonomía de enerxías verdes" da UE.

A máis que probábel chegada dos Verdes ao Goberno alemán aumentará a oposición á estratexia francesa, mais ademais o partido ecoloxista mantén unha notábel oposición a estreitar lazos co Kremlin e avoga polo rápido abandono de todos os combustíbeis fósiles, incluído o gas.

Este é un tema de conflito nas negociacións co Partido Socialdemócrata (SPD) para a formación dun Goberno de coalición. Michael Bloss, europarlamentario alemán do grupo dos Verdes/ALE e responsábel de transición ecolóxica, criticaba nas últimas horas en Twitter as palabras do deputado do SPD Bernd Westphal avogando pola inclusión do gas na "taxonomía" comunitaria.

En abril pasado o ministro de Economía francés, Bruno Le Maire, lanzaba unha especie de órdago: "Europa non alcanzará a neutralidade de CO2 para 2050 sen a enerxía nuclear". Similar ao de Westphal esta semana durante un acto organizado polo Agora Energiewende, panel de expertos alemán sobre transición ecolóxica, asegurando que "é esencial o uso de gas natural como o derradeiro material fósil para facer de ponte cara á era das renovábeis".

Para Bloss, en referencia ao gasoduto Nord Stream 2, "abrir a billa a novos proxectos de gas é simplemente absurdo á vista da crise climática e a urxente necesidade de expandir as renovábeis".

Batalla legal

Neste sentido, avogados ambientalistas da ONG ClientEarth enviaron unha carta á Bruxelas a semana pasada advertindo á Comisión que etiquetar as instalacións de gas natural como "investimentos verdes" na guía definitiva iría en contra da lexislación comunitaria e dos compromisos internacionais. 

Comentarios