A colonización de Alxeria regresa a Francia na forma de búmerang de area radioactiva

París e outras urbes galas amenceron onte de novo cubertas polo po que unha tormenta do Sáhara trouxo a esta beira do Mediterráneo. Hai 60 anos foi Francia quen levou varias probas nucleares a territorio alxerino –daquela unha colonia francesa–; agora, partículas radioactivas foron atopadas nesa area.
area_sahara_francia_2021
photo_camera Imaxe tomada o 6 de febreiro na cordilleira do Xura, situada ao norte dos Alpes, entre Francia e Suíza (ACRO)

Durante os dous primeiros meses do ano, varias tormentas de area e po procedentes do deserto do Sáhara impactaron no sur e centro de Europa. Hoxe mesmo, o Centro de Prognóstico de Po que a Organización Mundial de Meteoroloxía (OMM) ten en Barcelona para a rexión do Norte de África, Oriente Próximo e Europa prevé unha nova chegada deste tipo de nubes á Península Ibérica (o mapa de predición rexistra que ás 15 horas alcanzará o territorio galego). 

Non é un fenómeno sempre apreciábel, nin tampouco é tan estraño. Porén, a intensidade alcanzada a comezos de febreiro deixou imaxes inéditas en lugares como Suíza e os Alpes italianos, onde a coñecida como calixe seca tinguiu a neve de ocre. 

Onte volvéronse repetir escenas similares en varias cidades de Francia, incluída París, cos ceos alaranxados. A situación levou as autoridades a decretar unha alerta por contaminación que contempla a limitación do tráfico e da velocidade dos automóbiles. Airparif, a axencia encargada da calidade do aire na rexión parisiense, mantiña a cualificación de "mala" para hoxe a respecto das partículas inferiores a 2,5 µm.

Radioisótopos de cesio

Durante a tormenta de area que o pasado 6 de febreiro chegou a Francia e cubriu as rúas de po, a Asociación para o Control da Radioactividade no Oeste (ACRO), tomou mostras destas partículas e analizou no laboratorio a radioactividade artificial que podían conter mediante unha espectrometría gamma (nun detector GeHP), explican na súa web.

"O resultado da análise é definitivo. O cesio-137 foi claramente identificado", afirman. Este é un isótopo radioactivo do cesio que se produce principalmente por causa da fisión nuclear durante unha explosión deste tipo. 

"Trátase dun radioelemento artificial que, polo tanto, non está presente de forma natural na area", sinalan, e atribúeno "ás probas nucleares da década de 1960 e a Chernobyl", aínda que consideran que a cantidade precipitada ─80.000 Bq por km2 de cesio-137─ é "moi baixa", chaman a atención de que sexa "observábel a grandes distancias 60 anos despois" e "lémbranos esta situación de contaminación radioactiva perenne no Sáhara da que Francia é responsábel".

17 bombas nucleares

Porque seis décadas é o tempo transcorrido desde que Francia levou a cabo as primeiras probas nucleares no Sáhara de Alxeria. Na mañá do 13 de febreiro de 1960, probaba a primeira bomba, Gerboise Bleue, na zona de Tanezrouft, 30 millas ao sur do Centro Sahariano de Experimentación Militar de Reggane. Este artefacto tiña unha capacidade explosiva de 70 quilotóns, catro veces máis que Little Boy, a bomba lanzada polos EUA sobre Hiroshima.

Durante sete anos, París realizou oficialmente un total de 17 probas nucleares na zona de Reggane e na cordilleira de Hoggar, nove destas a partir de 1962, tras a independencia alxerina de Francia, despois de 132 anos de colonización e logo dunha cruenta guerra anticolonial (1954-1962). Naquela altura, as autoridades galas aseguraron que as probas se desenvolveran en áreas deshabitadas. Porén, a realidade era outra.

Oficialmente recoñécese que até unhas 20.000 persoas vivían na zona. Cifra que chegaría até as 150.000 sumando as poboacións próximas e as nómades. Os estudos realizados durante estes anos estiman que 42.000 persoas morreron como consecuencia das probas. Ademais, os militares alí destinados padecen unha taxa de cancro que duplica a media estatal. Os soldados galos foron incluídos na indemnización de 10 millóns de euros para todos os damnificados aprobada por París en 2009.

A chegada de partículas radioactivas até Francia dá conta da dimensión daquelas bombas nucleares. Da persistencia da radioactividade no tempo e no espazo. ACRO, nacida en 1986 nos meses posteriores ao accidente de Chernobyl, facía notar na súa análise que o cesio-137 detectado tamén tiña que ver coa central nuclear. 

Segundo o mapeo realizado por un grupo de investigadores e publicado o ano pasado en Scientific Reports (editada por Nature) pódense atopar radioisótopos de cesio e de plutonio procedentes de Chernobyl no solo de gran parte de Europa central e occidental.

París recoñece a "tortura e o asasinato" dun avogado nacionalista na guerra de Alxeria

O avogado alxeriano Ali Boumendjel, activista pola liberdade na guerra de independencia contra Francia, foi "torturado e asasinado" polas forzas galas. É o recoñecemento realizado polo presidente Macron, "no nome de Francia", durante unha reunión mantida cos netos de Boumendjel, informou France 24. Até agora, a morte do letrado, o 23 de marzo de 1957, tras ser capturado na batalla de Alxer ─feito decisivo no conflito que foi inmortalizado polo director Gillo Pontecorvo no filme de 1966 La battaglia di Algeri (na imaxe)─ fora atribuída a un suicidio. 

Na campaña para as presidenciais de 2017, Macron dixera que a colonización de Alxeria fora un "crime contra a humanidade". Un ano despois recoñeceu que o Estado instigara a tortura. E en xaneiro prometeu a creación dunha "comisión da verdade". Porén, négase a unha desculpa oficial polos abusos da ocupación.

Comentarios