A Unión Europea ten na súa man conter a escalada dos prezos da enerxía e do CO2

O Goberno español prorroga as rebaixas fiscais para abaratar o recibo da luz mentres Bruxelas evita tomar decisións que rebaixen a factura enerxética no conxunto da Unión Europea
A presidenta da Comisión Europea, Úrsula von der Leyen, abriu a porta ás compras conxuntas de gas, mais só en casos excepcionais (Foto: Comisión Europea).
photo_camera A presidenta da Comisión Europea, Úrsula von der Leyen, abriu a porta ás compras conxuntas de gas, mais só en casos excepcionais (Foto: Comisión Europea).

O prezo da enerxía no mercado almacenista leva xa unha semana por riba dos 300 euros por megawatt hora (MWh) e parece non querer tocar teito. Parte da culpa a ten o prezo do gas nos mercados internacionais, marcado pola alta demanda e os conflitos territoriais. O Mibgas, de referencia para o mercado ibérico do gas, marcaba onte un prezo de 148 euros/MWh.

Pero xunto ao gas hai outro factor que está a disparar os prezos da enerxía: o custo dos dereitos de emisión de CO2 que, ao contrario do que acontece co gas, moi suxeito a factores externos, si poden ser alterados desde as institucións europeas.  

De feito, esta mesma semana a ministra de Transición Ecolóxica, Teresa Ribera, volveu insistir na necesidade de buscar solucións desde Bruxelas á escalada dos prezos da enerxía, tanto a curto como a longo prazo.

No caso do gas, desde o Goberno español defenden as compras conxuntas entre Estados, unha medida á que a Comisión Europea abriu a porta o pasado 15 de decembro, máis só en supostos de perturbación grave da subministración, co que non quedaría xustificado no contexto actual de alza de prezos. De aí que o propio presidente do Goberno español, Pedro Sánchez, cualificase a medida de "insuficiente".

"É responsabilidade dos Gobernos e das institucións europeas facer unha análise sobre que máis se pode facer. Non podemos ser testemuñas mudas", dixo Ribeira esta semana á súa chegada a Bruxelas para participar no Consello de Ministros de Medio Ambiente da UE.

Neste senso, advertiu de que a actual situación dos prezos "impacta nas familias e nos fogares, pero tamén na industria e na capacidade de recuperación", ao tempo que sinalou que tratar de conter o encarecemento da enerxía con cargo aos orzamentos estatais "drena recursos das economías europeas que poderían ir destinados a medidas sociais e innovación" ou a "facer investimentos que aceleren a transición" enerxética.

Dereitos de emisións

Precisamente, esa loita de Bruxelas contra as enerxías máis contaminantes é a que está a empuxar tamén dos prezos cara arriba. O culpábel, o mercado de dereitos de emisión de CO2. Se a comezos de ano o prezo da tonelada de CO2 emitida estaba na contorna dos 30 euros, en decembro é xa habitual velo por riba dos 80 euros. 

A especulación parece mandar neste mercado. De aí que expertas económicas aconsellen Bruxelas abrir un pouco a man. Suxiren, por exemplo, unha moratoria na aplicación da normativa de emisións de CO2, pero o bloque comunitario de momento non move ficha. 

Outra opción sería aumentar excepcionalmente, mentres duren as tensións nos prezos, a porcentaxe de dereitos que pon á venda a UE, ou impedir que estes acaben en mans de fondos de investimento e, no seu lugar, vaian parar directamente ás industrias.

Países como Polonia, penalizado por ser dos que  ten máis centrais térmicas de carbón, o que o fai  enormemente dependente destes dereitos, xa propuxo suspender o Sistema de Comercio de Emisións da UE e mesmo ameazou con saírse unilateralmente se non se fixa un prezo razoábel para estes dereitos.

Comentarios