Bruxelas abre a porta a máis eólicos na Galiza cun mecanismo para recortar os requisitos ambientais

O presidente da Xunta mantivo un encontro esta terza feira co Ministerio de Transición Ecolóxica para exixir "máxima flexibilidade" na tramitación de novos proxectos.
Na serra do Xistral, que forma parte da Rede Natura 2000, hai 28 parques eólicos. (Foto: Turismo da Galiza)
photo_camera Na serra do Xistral, que forma parte da Rede Natura 2000, hai 28 parques eólicos. (Foto: Turismo da Galiza)

A Comisión Europea ten previsto esta cuarta feira presentar un mecanismo para reducir os prazos de tramitación de proxectos de enerxías renovábeis. Esta redución de tempo pasaría polo recorte dos requisitos ambientais estabelecidos polos Estados membros da Unión Europea.

Con este mecanismo, que Bruxelas agarda aprobar de urxencia, os informes de impacto ambiental requiridos polas Administracións ás promotoras deste tipo de proxectos veríanse reducidos, segundo desvela o medio francés Contexte, que tivo acceso ao borrador que a Comisión presenta hoxe.

Neste sentido, a medida prevé desencallar e acelerar os proxectos fotovoltaicos e eólicos que actualmente están previstos na UE. Precisamente, o recorte de trámites ambientais aos proxectos de eólica afectaría notabelmente a Galiza, onde os colectivos e asociacións ecoloxistas exixen un maior control e restrición na instalación deste tipo de infraestruturas, debido ao seu impacto medioambiental no medio natural.

Unha vez sexa aprobado o mecanismo, que non será consultado coa cidadanía dos Estados membros nin será sometido a unha valoración de impacto, entrará en vixencia o día posterior a aparecer no Diario Oficial da Unión Europea, cunha vixencia inicial de doce meses. Aliás, durante a primeira metade de 2023 a Comisión Europea deberá avaliar os seus resultados, co pretexto de decidir a súa prolongación.

Xunta e Goberno español, da man coa eólica mariña

Horas antes de que Bruxelas dea a coñecer oficialmente este mecanismo, o presidente da Xunta, Alfonso Rueda -que a pasada semana aprobou recortar á metade os prazos de novos eólicos na Mariña-, mantivo unha reunión coa ministra de Transición Ecolóxica e Reto Demográfico, Teresa Ribera, para abordar a cuestión da eólica mariña, entre outras.

Na xuntanza, os Gobernos galego e español coincidiron na intención de impulsar unha plataforma experimental de eólica mariña, con sede no porto exterior da Coruña, de cara ao desenvolvemento posterior doutros proxectos eólicos na costa do país. É o caso de, por exemplo, Volanteiro, un proxecto impulsado por Capital Energy nas Rías Baixas, coa previsión de instalar 34 aeroxeradores a menos de 30 quilómetros do litoral galego.

Na rolda de prensa posterior á reunión, Rueda exixiu ao Executivo de Pedro Sánchez “máxima flexibilidade” para a tramitación de parques eólicos, mediante e recorte os requisitos que actualmente exixe o Miteco. “A Galiza está en disposición de converterse nun referente estatal na eólica mariña”, asegurou o presidente galego.

Pola súa parte, Ribera manifestou que a Galiza “non se entende sen o mar e a súa potencia, e sen o aproveitamento adecuado”, motivo polo cal, baixo o seu criterio, “acelerar a plataforma de ensaio [da eólica mariña] é fundamental”.

Comentarios