34 aeroxeradores mariños fan perigar a pesca no sur da Galiza

A empresa enerxética madrileña Capital Energy vén de presentar un proxecto inicial ante o Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico (Miteco) para a instalación dun parque eólico mariño (PEM) de 34 aeroxeradores en fronte da ría de Vigo, a menos de 30 quilómetros da liña de costa.
Localización e detalle do parque eólico mariño Volanteiro (Foto: Nós Diario / Capital Energy).
photo_camera Localización e detalle do parque eólico mariño Volanteiro (Foto: Nós Diario / Capital Energy).

Como informou Nós Diario o pasado 20 de outubro, Capital Energy pretende desenvolver un PEM flotante, denominado Volanteiro, nas Rías Baixas, xusto en fronte da ría de Vigo, cunha potencia que se estima en 510 megawatts (MW). Nas últimas horas, a empresa presentou o proxecto inicial ante o Miteco, coñecéndose en consecuencia máis detalles. 

Capital Energy proxecta a instalación, a menos de 30 quilómetros (km) do litoral galego (a 27,9 km da costa da Guarda) e nunha área de 95,11 quilómetros cadrados, de 34 aeroxeradores de 15 MW de potencia e 260 metros de altitude. Así, a potencia total instalada será de 510 MW.

A enerxía producida polos 34 muíños sería conducida a través dunha liña de evacuación polo fondo mariño de 45,4 quilómetros, adentrándose 10 km nas augas do interior da ría de Vigo. Outra liña de evacuación, por terra e de 22,76 km, levaría esta enerxía até a subestación eléctrica de Pazos de Borbén.

A posta en marcha deste PEM atópase, segundo explica a empresa produtora de enerxía, dentro dos plans estatais e autonómicos para o desenvolvemento das enerxías renovábeis.

Afectación sobre zonas pesqueiras e protexidas

Os aeroxeradores atópanse na zona NOR-1 do plano de ordenación do espazo mariño, na que, segundo o propio criterio do Miteco, existe interacción coa frota pesqueira de arrastre de fondo. Ademais, a liña de evacuación eléctrica do PEM ocupará boa parte do interior da ría de Vigo, onde ten lugar unha intensa actividade acuícola e marisqueira. 

A liña de evacuación mariña tamén pasa ao carón de zonas de especial protección ambiental, como é o caso da Zona de Especial Conservación (ZEC) das illas Cíes e da ZEC das illas Estelas. A ZEC das illas Cíes está tipificada tamén como Parque Nacional e como Zona de Especial Protección para as Aves (ZEPA). Ademais, esta liña de evacuación marítima afecta á súa vez á ZEPA das Rías Baixas. No que respecta ás zonas de hábitat mariño de interese comunitario (HIC), a instalación deste PEM afecta 637 metros dunha zona de transición marítimo terrestre da HIC denominada como Arrecifes.

Tal e como a propia empresa sinala, o funcionamento dos aeroxeradores "xera ruído que podería ser propagado polo medio mariño, podendo afectar principalmente as comunidades de cetáceos mariños". Así mesmo, a enerxética recoñece que o campo electromagnético  "podería afectar principalmente ás comunidades peláxicas", especies que viven en augas media ou próximas á superficie, como poden ser as sardiñas. A firma explica tamén a necesidade de tomar medidas para evitar as colisións de aves, precisamente cando se trata dunha zona catalogada como ZEPA.

Por outra parte, o trazado mariño da liña de evacuación penetra no interior da ría de Vigo, zona de elevado tráfico marítimo, polo que, durante a fase de construción alteraríase o funcionamento normal da actividade portuaria e de tránsito.

Comentarios