Quen está detrás dos proxectos da eólica mariña na Galiza?

O negocio enerxético na Galiza está en mans de empresas estranxeiras. O primeiro produtor de electricidade eólica e hidráulica do país é a multinacional Iberdrola. A historia está chamada a repetirse na eólica mariña.

Parque de eólica mariña promovido por Acciona. (Foto: Europa Press)
photo_camera Parque de eólica mariña promovido por Acciona. (Foto: Europa Press)

Os primeiros proxectos de eólica mariña na Galiza están impulsados por Iberdrola. A compañía presidida por Ignacio Sánchez Galán solicitou autorizacións ao Ministerio para a Transición Ecolóxica (Miteco) para erguer dous parques na costa do Cantábrico galego. O primeiro deles, denominado San Cibrao, cunha potencia de xeración de 490 megawatts e localizase fronte as costas do concello mariñán de Cervo, situándose o segundo, de nome San Brandán, coa mesma capacidade de produción, na zona de Ortegal.

O emprazamento destes dous parques foi denunciado polo sector pesqueiro galego, que de xeito unánime ten alegado contra as localizacións escollidas. A este respecto, critican que a instalación eólica este situada nalgúns dos mellores bancos de pesca da flota galega, como son Praia Nova, A Selva ou a Praia de Bares, fronte as localidades do Vicedo ou Mañón.

A empresa promotora, Iberdrola, ten a súa sede social en Bilbo pero paga os seus impostos en Madrid, onde radica o seu enderezo fiscal, sendo  os seus accionistas de referencia o fondo soberano de Catar, con 9,72%; Kutxabank, con 3,60%; o Banco de Noruega, con 3,17% e o fondo de investimentos estadounidense Blackroc.

A empresa francesa Vinci

As costas de Ortegal son tamén as escollidas polo grupo Cobra para erguer o parque eólico mariño, Galwind, que  situaría 68 aeroxeradores nunha unha superficie de máis de 160 quilómetros cadrados fronte a Estaca de Bares en Mañón, cunha potencia total de 1.000 megawatts. Neste caso, a Plataforma en Defensa da Pesca e os Ecosistemas Mariños alerta de que estas instalacións afectarían a actividade en até unha trintena de caladoiros da zona.

Cobra foi durante moitos anos a división eléctrica do grupo ACS, propiedade de Florentino Pérez, até a súa venda a finais de 2021 á multinacional francesa Vinci. A compañía, especializada na obra civil e no negocio enerxético, ten como accionista maioritario  o fondo soberano de Catar e o fondo de investimentos estadounidense Blackroc, socios de referencia de Iberdrola. 

O conglomerado conformado polas compañías Bluefloat e Sener ten os ollos postos entre Cariño e Cedeira. Así, promoven neste espazo un parque de eólica mariña denominado Nordés, cunha potencia total de 500 megawatts, unha extensión de 268 quilómetros cadrados e, aproximadamente, 80 aeroxeradores.

Os fondos estadounidenses

Bluefloat, con sede fiscal en Madrid, ten como socios de referencia a dúas compañías estadounidenses. Unha delas, con sede en Houston, é 547 Energy, propiedade do primeiro accionista de Bluefloat, Gabriel Alonso, a outra é o fondo de investimento Quantun Energy Partners. Sener, unha veterana enxeñaría de orixe vasca, está domiciliada en Madrid, posuíndo a maioría do capital a familia Sendagorta.

Ferrovial

O grupo madrileño Ferrovial vén sumarse a esta batalla por adquirir dereitos de xeración eólica nos mares galegos, presentando un proxecto para erguer un parque de 495 megawatts fronte á Mariña. A instalación, denominada Celta I, esta emprazada en zonas autorizadas no anteproxecto do Plan de ordenación dos espazos mariños (POEM).

Ferrovial é un dos grandes xigantes madrileños do sector das infraestruturas. A compañía, propiedade da familia Del Pino Calvo-Sotelo, unha das máis ricas do Estado, está presente nos mercados europeos e americanos, destacando polas súas grandes conexións co poder político.

O último proxecto en presentarse diante do Ministerio para a Transición Ecolóxica (Miteco), denominase Volanteiro, que situaría os seus aeroxeradores en augas das Rías Baixas e tería unha potencia instalada de 510 megawatts.

A instalación esta promovida Capital Energy Offshore, sociedade controlada por Capital Energy -propiedade do ex xenro de Florentino Pérez, Jesús Martín Buezas- a gran beneficiaria da poxa para asignar proxectos de enerxías renovábeis cunha potencia total a instalar de 3,3 MW lanzada hai un ano polo Miteco, un concurso público do que se desmarcaron as grandes compañías do sector.

Comentarios