O delegado do Goberno estatal na Galiza urxe máis parques eólicos no país

O Goberno galego recortou á metade os trámites para a instalacións de tres parques eólicos de Greenalia na Mariña.
O delegado do Goberno español, José Miñóns, nun acto en Lugo. (Foto: Europa Press)
photo_camera O delegado do Goberno español, José Miñóns, nun acto en Lugo. (Foto: Europa Press)

O delegado do Goberno español na Galiza, José Miñóns, reclamou esta sexta feira que se axilice a tramitación e instalación de parques eólicos na Galiza, despois de que o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciase esta quinta feira que recortará á metade os trámites dos parques eólicos de Greenalia Borrasca, Monzón e Ventisca -nos concellos da Pastoriza, Meira, Foz, Pol, Mondoñedo, e Lourenzá-.

Miñóns, que participaba nun acto en Lugo, insistiu na urxencia de que a Galiza conte con máis proxectos eólicos. O delegado apoiou a decisión do Executivo galego con respecto aos tres parques de Greenalia, aprobados baixo o pretexto de subministrar enerxía á fábrica de Alcoa en San Cibrao, Cervo.

Neste sentido, o delegado do Goberno estatal exixiu a Alfonso Rueda que vaia máis alá na “axilización” dos proxectos. “Aí estamos a ter unha demora, polo que é urxente que a Xunta emita os informes necesarios que o Goberno español xa tramita con prioridade”, sentenciou Miñóns.

O presidente galego acolleuse a unha excepción legal, recollida na Lei de áreas empresariais aprobada no Parlamento galego o pasado mes de outubro cos votos a favor de PP e PSdeG, para recortar a metade os prazos e trámites precisos e que os parques eólicos Borrasca, Monzón e Ventisca sexan construídos “canto antes”.

Até 29 proxectos eólicos “para Alcoa”

O pasado mes de maio, o vicepresidente primeiro da Xunta, Francisco Conde, xa adiantara que o Goberno galego incluiría esta excepción legal na Lei de áreas empresariais para beneficiar compañías eólicas como Greenalia, baixo a condición de fornecer, cando menos, 50% da enerxía eléctrica a industrias.

Precisamente, Conde puxera de exemplo o caso de Alcoa, para a que a Xunta comezou ou ten previsto comezar a tramitación de até 29 proxectos eólicos, todos eles promovidos por Greenalia. O dirixente galego asegurara naquel momento que, pese a recortar os trámites, cumpriranse "todas" as garantías normativas e ambientais.

En total, Greenalia subministrará enerxía para cubrir 46% da necesidade eléctrica da planta. Deste total, 55% corresponde aos tres parques eólicos citados esta quinta feira polo presidente da Xunta, ademais do proxecto Boura -entre Abadín e A Pastoriza-, e Mistral -en Xermade, Guitiriz e Vilalba-.

Comentarios