Borja Verea ofrécelle ao PSdeG "un acordo" para estabelecer un Goberno alternativo ao de Sanmartín

Moción de censura e cuestión de confianza vinculada aos orzamentos da cidade, entre as opcións do popular..

Borja Verea encabezou a lista do PP en Compostela.
photo_camera Borja Verea encabezou a lista do PP en Compostela.

O portavoz do PP en Santiago de Compostela, Borja Verea, trasladou esta terza feira de maneira pública ao PSdeG que as portas da súa formación están "abertas" para, "en calquera momento", alcanzar "un acordo" entre socialistas e populares para estabelecer un goberno alternativo ao do BNG e Compostela Aberta, encabezado por Goretti Sanmartín.

Fíxoo nunha rolda de prensa celebrada en Compostela, tres días despois de que Sanmartín se fixese co bastón de mando da cidade nun Goberno local integrado tamén por dous edís de Compostela Aberta e apoiado no pleno de investidura polos socialistas.

Fronte a iso, Verea afirmou que "segue confiando no socialismo compostelán" para estabelecer "un Goberno de progreso" e "moderado" na cidade. "Digo, claramente, que cando eles digan, en calquera momento, en calquera minuto e sen liñas vermellas, estaremos aí para pensar no verdadeiro futuro de Compostela", dixo Verea.

Borja Verea apelou a que os socialistas "demostren" a súa "categoría" apoiando un Goberno popular, unha opción na que non se fechou a unha coalición. "Sei que non será hoxe nin mañá, pero terán as portas abertas para dar xuntos un exemplo democrático que supere a rancia política de bloques", apostilou, tras o que cualificou o goberno de Goretti Sanmartín de "soberbio" e "sectario", así como "numericamente inútil".

Preguntado directamente se o que propón é unha moción de censura, Verea dixo que esta é "unha das posibilidades", aínda que "hai varias vías" como, engadiu, unha cuestión de confianza vinculada aos orzamentos. En todo caso, descartou que esa vía poida beneficiarse se concelleiros socialistas que actúan por libre. "Non é a miña maneira de entender a política", apuntou, engadindo que, de darse, sería co conxunto do PSdeG "dentro dos trámites habituais, normais, extraordinarios pero habituais".

 

Comentarios