Goretti Sanmartín toma posesión como nova alcaldesa de Santiago de Compostela

Sanmartín, visibelmente emocionada, foi xurada por imperativo legal e mostrou o seu agradecemento "ás mulleres que abriron o camiño e ás que virán".
Goretti Sanmartín mostra o bastón de mando como nova rexedora da capital galega (Foto: Nós Diario).
photo_camera Goretti Sanmartín mostra o bastón de mando como nova rexedora da capital galega (Foto: Nós Diario).

Goretti Sanmartín, candidata do BNG á Alcaldía de Santiago de Compostela xa é, oficialmente, a rexedora da cidade.

Na constitución da corporación municipal da capital galega este sábado, Sanmartín fíxose co bastón de mando tras conseguir os apoios necesarios na corporación.

Despois das negociacións con PSdeG e con Compostela Aberta, a candidata nacionalista encabezará un goberno no cal, os edís do PSdeG decidiron non participar.

Quen si ocupará responsabilidades de goberno será Compostela Aberta que logrou un acordo co BNG para que os seus dous edís conseguidos o 28 de maio pasen a formar parte do Goberno local.

Sanmartín convértese así na primeira muller en dirixir a capital do país, e liderará un goberno que como ela mesma reivindicou nun discurso apostará polo “turismo sostíbel e respectuoso cos veciños”, avanzando varios pactos respecto diso.

Na mesma liña, tamén confirmou a firma dun Pacto pola Cidade Histórica. "Queremos vivir unha cidade histórica. Insisto nun lema de interese esencial para min: 'Se é bo para os que viven aquí, é bo para os que nos visitan'", asegurou.

Promesa do cargo

Sanmartín, visibelmente emocionada, foi xurada por imperativo legal e mostrou o seu agradecemento "ás mulleres que abriron o camiño e ás que virán". Despois de recibir a felicitación de Borja Verea, candidato do PP, colleu o bastón de mando.

Entre os asistentes ao acto estiveron o reitor da USC, Antonio López, a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón; os ex alcaldes composteláns Xosé Sánchez Bugallo, Martiño Noriega e Xerardo Estévez; e nacionalistas como Ana Miranda e Camilo Nogueira.

Comentarios