BNG e Compostela Aberta reparten competencias: así será o Goberno de Goretti Sanmartín

A nacionalista contará con catro tenencias de Alcaldía que ocuparán, por esta orde, María Rozas, Míriam Louzao, Xesús Domínguez e Pilar Lueiro.
De esquerda a dereita, Xan Duro, Iago Lestegás, Míriam Louzao, Goretti Sanmartín, María Rozas, Manuel César Vila, Xesús Domínguez e Pilar Lueiro. (Foto: Europa Press)
photo_camera De esquerda a dereita, Xan Duro, Iago Lestegás, Míriam Louzao, Goretti Sanmartín, María Rozas, Manuel César Vila, Xesús Domínguez e Pilar Lueiro. (Foto: Europa Press)

A alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, deu a coñecer esta segunda feira as áreas das que se ocuparán os concelleiros e concelleiras do novo Goberno da capital galega, formado por seis edís do BNG e dous de Compostela Aberta. María Rozas e Xan Duro, de CA, serán os responsábeis de Dereitos e Servizos Sociais, Promoción Económica e Xuventude a primeira, alén de tenenta de alcaldesa, e de Mobilidade, Convivencia e Centros Socioculturais o segundo. Mentres, os edís do Bloque repartiranse cinco concellarías.

Míriam Louzao, que será a portavoz do Goberno municipal, exercerá as competencias en Capital Cultural, Turismo, Educación e Memoria Histórica, mentres Manuel César Vila será o responsábel de Economía e Facenda, Persoal, Contratación e Modernización da Administración Local. Iago Lestegás ocuparase de Urbanismo, Vivenda e Cidade Histórica, Xesús Domínguez atenderá a área de Sustentabilidade Ambiental, Dereitos dos Animais, Servizos Básicos Comunitarios, Parques e Xardíns e Vías e Obras, e Pilar Lueiro asume a área de Deportes, Relacións Veciñais, Festas, Rural e UMAD.

Pola súa parte, a propia Goretti Sanmartín levará desde Alcaldía os actos derivados de competencias non delegadas nos concelleiros e concelleiras. Entre elas, a rexedora exercerá os labores relacionados con Lingua, Igualdade, Relacións Institucionais, Padrón de Habitantes, Axenda 2030 e a portavocía da Xunta de goberno. Aliás, o Executivo contará con catro tenentas de alcaldesa. Serán, por esta orde, María Rozas, Míriam Louzao, Xesús Domínguez e Pilar Lueiro.

Un goberno "transformador"

En rolda de prensa, antes de reunirse por primeira vez esta segunda feira o novo equipo de goberno, Sanmartín destacou que se inicia "unha nova etapa" que aposta por "un goberno transformador" para Santiago de Compostela, que funcionará "unido, cohesionado e forte" para "dar resposta ás necesidades" da cidade e que terá "as portas abertas a veciños e asociacións e á colaboración con outras institucións".

María Rozas, asegurou que en Compostela Aberta están "moi satisfeitas" con esta repartición, que considera "acorde cos perfís" de cada edil. Neste senso, subliñou que Xan Duro asume Mobilidade, "un dos principais retos que ten Santiago", e no que "xa ten experiencia municipal" da man de Martiño Noriega, entre 2015 e 2019. Tamén valorou positivamente o departamento de Centros Socioculturais por estar "pegado ao territorio" e en "contacto cos veciños", así como a área de Xuventude e "os orzamentos participativos e as políticas sociais", que asumirá ela. "Traballaremos para facer dos nosos departamentos políticas transformadoras e traballaremos de forma conxunta para que os principais retos de Santiago sexan afrontados con rapidez e coa valentía necesaria nos próximos catro anos", precisou.

Primeiras medidas

Cuestionada sobre as primeiras medidas que levará a cabo o Executivo local, Goretti Sanmartín sinalou que "non corresponde" falar dese tema polo momento, xa que, primeiro, os concelleiros terán que analizar co persoal técnico o informe de traspasos. Porén, confirmou que nas próximas semanas iso "vai ser obxecto de debate" e cando se tomen as primeiras medidas poranas "enriba da mesa de maneira pública".

Sobre o pleno de organización, a rexedora compostelá detallou que xa se atopan en conversacións cos grupos políticos da oposición, PP e PSOE, e afirmou que a súa intención é que se poida convocar "de maneira rápida" e, a poder ser, "ao longo deste mes de xuño". Da mesma forma, a preguntas dos medios sobre se xa existe algún compromiso concreto cos socialistas, Sanmartín dixo esperar que actúen "na liña de apoiar aqueles proxectos que melloren a calidade de vida" da poboación e que "a súa liña de traballo sexa de colaborar co Goberno". En todo caso, chamou a agardar a que os acontecementos vaian "paso a paso".

A alcaldesa defendeu que o seu equipo está "preparado" para afrontar "este reto" e que as diferenzas de número de edís "non son tan grandes", en comparación coas dez persoas que formaron parte dos anteriores executivos de PSOE e Compostela Aberta. Con todo, si volveu recoñecer que preferiría que o Goberno "fose máis amplo", porque entende que "ese era o mandato que fixo o conxunto da poboación". "Este equipo ten capacidade, experiencia, ganas, enerxía e o compromiso de deixarse a pel para traballar día a día nestas cuestións. Creo que é algo perfectamente asumíbel e que o conxunto de veciños van ir vendo como as cousas funcionan", reivindicou.

Comentarios