As chaves da Asemblea Nacional en que o BNG se pon como obxectivo presidir Galiza

A pandemia atrasou a XVIII Asemblea Nacional do BNG que finalmente será este domingo. Aínda que hai tempo para a presentación de máis candidaturas, prevese que Ana Pontón revalide no liderado. As chaves do conclave e das teses están dirixidas a agrandar a organización, a construír un proxecto gañador e a liderar o Goberno da Galiza. 
O portavoz do BNG na Coruña, Francisco Jorquera, e a deputada Mercedes Queixas visitan o lugar en que decorrerá a Asemblea Nacional (Foto: Nós Diario)
photo_camera O portavoz do BNG na Coruña, Francisco Jorquera, e a deputada Mercedes Queixas visitan o lugar en que decorrerá a Asemblea Nacional (Foto: Nós Diario)

Todo pronto no Coliseum da Coruña para acoller a XVIII Asemblea Nacional do BNG este domingo 7 de novembro. Máis de 3.000 militantes nacionalistas con dereito a voto -alén de simpatizantes- daranse cita para debater os relatorios e escoller a nova dirección política. Esta previsión de asistencia coa que traballan na área de organización do BNG supera a do anterior conclave, en 2017, que xuntou unhas 2.000 persoas tamén na Coruña.

"Esta Asemblea Nacional vai ser unha fotografía de toda a capacidade que o BNG ten. Non hai formación política neste país con esta capacidade organizativa e de militancia activa", sinala a Nós Diario o coordinador de Organización do BNG, Bieito Lobeira. Esa capacidade da militancia, subliña, é o que explica que o Bloque "estea onde está despois de todas as adversidades que pasou".  

Nese sentido, preguntado polos obxectivos da asemblea, Lobeira destaca que se trata de entender como superada "a fase de supervivencia", logo dun proceso de incremento de afiliación, consolidación territorial e salto electoral. Trátase agora, di, de encarar "a fase de disputa de hexemonía política". 

De facto, as teses a debate recollen que "asumir o reto de gobernar a Xunta da Galiza desde a Presidencia é un obxectivo de primeira magnitude para o BNG".

E para chegar a ese punto, nas eleccións galegas de 2024, a cita previa é a das municipais de 2023. Así, entre as prioridades políticas recollidas nas teses está a "preparación necesaria para incrementar a presenza do BNG" nos concellos e, en consecuencia, "o número de Gobernos". "Un BNG forte e activo, tanto nos concellos en que gobernamos, como nos que somos oposición, supón unha chave fundamental para ampliar a nosa base social, transformar os concellos e consolidar a alternativa política nacionalista", sinálase.

As teses reparan na existencia de "debilidades organizativas" en ámbitos urbanos e algunhas comarcas, polo que remarcan que os comicios locais serán "unha oportunidade histórica para incrementar a presenza do BNG nos concellos e transformar o país, desde a base". "Un soporte fundamental para alcanzar unha alternativa do BNG capaz de liderar o futuro da Galiza", inciden. 

347 emendas, novo protocolo e participación da emigración

Como novidade, nesta Asemblea Nacional haberá un dispositivo tecnolóxico para que a militancia na emigración poida intervir e votar. Así pois, nacionalistas que viven no país como as que se atopan noutras nacións do mundo poderán votar as 347 emendas aos textos que se realizaron nas asembleas comarcais. 

Outra novidade é a incorporación nas teses dun protocolo de actuación en caso de violencias machistas. O documento vén precedido dunha introdución en que se sinala que "o machismo e as violencias machistas atravesan a sociedade e tamén as organizacións sociais e políticas transformadoras, que deben actuar para previlas, atendelas e erradicalas". Por iso, "no camiño para construír unha nova Galiza libre de violencias machistas" e no marco doutras medidas, dótanse desta  ferramenta "co obxectivo de estabelecer un itinerario claro, garantista e útil na actuación diante de violencias machistas no seo da organización que complemente os mecanismos xa existentes". 

Multiplicar o activismo

No apartado de estratexia do relatorio, considérase fundamental "alargar a capacidade de intervención e influencia social". Para iso, sinálase como chave "consolidar o proceso de crecemento e expansión organizativa do BNG, incorporando máis pobo á nosa causa e dotando a militancia -especialmente as novas incorporacións- de todas as ferramentas formativas, argumentais, políticas e ideolóxicas que lle permitan ser máis eficaz no seu traballo de activismo social". 

Aliás, no apartado de formación dáse unha chamada de atención de abaixo arriba e de arriba abaixo  ao redor da calidade da lingua: "Cómpre esforzarse tanto nas comunicacións escritas como nas da expresión oral, procurando nestas unha prosodia correcta e mesmo un sotaque acaido, nomeadamente cando se agarde difusión masiva e ou procedan de cargos públicos do BNG".

Apoio internacional

Na véspera do conclave, o Bloque realizará un encontro internacional coas delegacións de Gobernos e formacións políticas de distintas nacións que están convidadas á asemblea. Visitarán o Pazo de Meirás como símbolo de espolio do franquismo, represión mais tamén de loita pola devolución ao pobo galego dos bens espoliados e a recuperación da memoria.

Haberá reunións bilaterais e multiraterais con políticos dos Països Catalans, Euskal Herria, Portugal, Palestina, Sahara, Cuba e Venezuela, entre outras nacións. 

Unha dirección "para un novo ciclo"

Até 3 de novembro a militancia do BNG pode presentar candidaturas para o Consello Nacional. Este órgano propuxo o pasado sábado, 30 de outubro, unha lista que encabeza a actual portavoz nacional, Ana Pontón, logo de ter anunciado a súa disposición a presentarse para liderar o Bloque e "construír un proxecto gañador capaz de disputar a hexemonía ao PP e liderar o Goberno da Galiza en 2024".

Acompáñana na lista 50 militantes. Nas seguintes semanas incorporaranse á dirección outros 50 electos polas comarcas, así como as dúas persoas que representen a organización xuvenil, Galiza Nova, e mais un representante por cada colectivo que conforma a fronte: a Unión do Povo Galego, o Movemento Arredista e a Fronte Obreira Galega. Lucía López, Manuel Lourenzo, Breixo Lousada e Lois Pérez Castrillo son as novidades para a Executiva. Fecha a lista do Consello Nacional o ex dirixente do Bloque Guillerme Vázquez.

Comentarios