Asemblea Nacional

O BNG dótase dun protocolo que sanciona militantes ante casos de violencias machistas internas

A XVII Asemblea do BNG que decorrerá o próximo 7 de novembro no Coliseum da Coruña servirá, ademais de para renovar os seus órganos de dirección con Ana Pontón á cabeza, para actualizar o seu ideario político e organizativo. Neste último caso, os nacionalistas apostaron por incluír un protocolo de actuación para previr violencias machistas no seo da organización, que poderán chegar a sancións -as recollidas estatutariamente xa, inclusive a expulsión da organización- se así o determina a comisión de garantías.

Ana Pontón.
photo_camera Ana Pontón.

"No camiño para construír unha nova Galiza libre de violencias machistas, a XVII Asemblea Nacional do BNG no marco doutras medidas, dótase tamén desta ferramenta co obxectivo de estabelecer un itinerario claro, garantista e útil na actuación ante violencias machistas no seo da organización que complemente os mecanismos xa existentes e contribúa á construción dunha organización sen desigualdades nin violencias".

Así o indica na introdución a este protocolo, solicitado por Europa Press, que é "independente" das accións xudiciais que as persoas afectadas poidan emprender, como así o explicita.

A normativa será enviada a todos os militantes, por mandato asembleario, e será informado e explicado nas asembleas comarcais, ademais de estar dispoñíbel na páxina web. Tamén formará parte da información básica no proceso de afiliación e deberase lembrar periodicamente nos órganos de participación e nas comunicacións internas.

Os expedientes conforme a este protocolo -que pode incorporar algunha modificación no plenario se se presentan emendas- serán instruídos pola comisión de garantías. A vítima terá dereito a solicitar acompañamento, durante todo o proceso de denuncia e posterior, dunha persoa da súa confianza. Ademais, a organización velará por facilitar á vítima toda a atención profesional que precise.

Máis presenza das mulleres

Á marxe da elaboración deste protocolo, que se integra nas bases organizativas, o BNG proponse "favorecer unha maior participación das mulleres" na política. "A pesar da existencia de liderados importantes da organización protagonizados por compañeiras, existe unha desigual participación e representación, agravada nalgúns territorios e ámbitos de participación", recoñece o BNG.

A formación nacionalista situou unha muller, a Ana Pontón, por primeira vez á fronte, en febreiro de 2016. A dirixente nacionalista rodéase no seu núcleo tamén por mulleres, como a viceportavoz parlamentaria, Olalla Rodil, a tamén deputada Noa Presas, que é a presidenta da Comisión de Economía e Orzamentos do Parlamento de Galicia, o órgano que por tradición parlamentaria preside a oposición no Pazo de Raxoi, en que a integrante da Mesa do BNG tamén é muller, Montse Prado. Ademais de alcaldesas como a veterana Sandra González, rexedora de Tomiño, o BNG tamén conta cunha muller como referente na Unión Europea, Ana Miranda.

Con todo, o Bloque quere fomentar o impulso de liderados e fomentar a participación de base. No documento, sinálase que esta situación "non é nova, pero é fácil prever que a maior incidencia das consecuencias socioeconómicas da pandemia sobre as mulleres, dificultará máis a participación política activa". "Por tanto, é urxente afrontar con maior constancia e seguimento a análise das circunstancias que afectan á participación das mulleres e arbitrar medidas", proponse a formación.

Neste sentido, o Bloque ten como obxectivo, após a súa asemblea da Coruña e a aprobación deste documento, "o incremento de participación nos organismos de participación e dirección".

Ter en conta a conciliación

Para iso, estabelece unha serie de medidas, como ter en conta o uso dos tempos e a distribución dos traballos non remunerados para a fixación dos horarios e as frecuencias das reunións, en virtude da situación de "desigualdade" existente na sociedade.

Ademais, haberá talleres de empoderamento e farase un informe anual da evolución da afiliación e da participación dos organismos de dirección e asembleas locais e comarcais que será monitorizado pola organización nacional e a área de acción feminista co fin de estabelecer pautas concretas de actuación.

“Privilexios de masculinidade”

O BNG dedica tamén un apartado das súas teses á necesidade de "identificar", tamén internamente, e "intervir nos privilexios da masculinidade hexemónica". "As persoas que formamos o BNG vivimos a nosa socialización nun sistema patriarcal e, por iso, calquera de nós somos susceptíbeis de ter comportamentos patriarcais no noso activismo cotián", admite e engade que "é evidente que as persoas que desenvolven a súa día a día co rol social masculino están nunha posición privilexiada".

"Por tanto, é necesario un esforzo propio por parte dos compañeiros para revisar a súa forma de traballar como vía para detectar e corrixir prácticas de dominación que están naturalizadas e invisibilizadas na sociedade e que repercuten negativamente nas dinámicas das organizacións mixtas", estabelecen os documentos que se someterán á asemblea.

Para iso, desenvolverase un manual interno de formación e detección de micromachismos, condutas sexistas e violencias invisibilizadas e simbólicas, con exemplos concretos. Este manual farase chegar a toda a militancia. Ademais, programaranse actividades formativas dirixidas á militancia masculina para detectar e intervir sobre prácticas que perpetúan as dinámicas patriarcais.

Comentarios