O Consello Nacional ratifica por unanimidade a candidatura de Pontón para seguir á fronte do BNG

A líder da formación apelou a "ensanchar as bases do nacionalismo" tras a XVII Asemblea Nacional, que se desenvolverá a próxima fin de semana na Coruña, co obxectivo de chegar á presidencia da Xunta da Galiza en 2024
A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón: (Foto: BNG).
photo_camera A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón: (Foto: BNG).

O Consello Nacional do Bloque Nacionalista Galego (BNG) ratificou na mañá de hoxe, e por unanimidade, a candidatura de Ana Pontón para optar a un terceiro mandato como portavoz nacional da organización, baixo a "premisa básica" de "manter o que funciona" e "aproveitar ás persoas e os equipos que demostraron a súa valía".

Así o explicou este sábado a propia Pontón ante a reunión do máximo órgano do Bloque no Hotel Congreso de Teo, desde onde apelou a "ensanchar as bases do nacionalismo" tras a XVII Asemblea Nacional, que se desenvolverá a próxima fin de semana na Coruña, co obxectivo de chegar á Presidencia da Xunta en 2024.

"A candidatura que hoxe aprobamos -dixo a portavoz do BNG-, parte dunha premisa básica, manter o que funciona, aproveitar as persoas e as equipas que teñen mostrado capacidade e valía nos seus postos, tanto de xeito individual como colectivo, e manter o groso dunha equipa de dirección que foi capaz de levar o BNG, desde unha situación difícil e complexa, ao mellor resultado electoral da súa historia, de tal modo que hoxe somos a segunda forza política do país e estamos en disposición de afrontar con éxito o reto de liderar o Goberno de Galiza".

No ano 2016, lembrou a líder nacionalista, o BNG deu paso a "unha nova equipa para coller as rendas da organización", asumindo responsabilidades  e conformando unha Executiva Nacional que "mesturou con acerto a  experiencia e a renovación, como demostran os resultados en termos electorais e sociais". "Ese acerto é o que buscamos repetir coa candidatura que hoxe sae deste consello nacional que, en esencia, consolida unha equipa que demostrou a súa capacidade para levar o BNG á maior cota de apoio social da súa historia", indicou Pontón antes de engadir que desexa "seguir traballando e sumar a máis galegos e galegas ao proxecto do  Bloque para  darlle a Galiza un futuro mellor".

Na súa intervención, Pontón dedicou unha  mención especial ao traballo e dedicación  das catro persoas que saen, "por decisión propia", da actual executiva nacional: Susana Camba, Duli Diniz, Xosé Manuel Marcote e Xosé Emilio Vicente. Ademais, tamén falou dos seus catro novos membros: Lucía López, Breixo Lousada, Lois Pérez Castrillo e Manuel Lourenzo. "Sei que ides dar o mellor de vós para lograr todos os grandes retos que temos por diante como organización, que son moitos e moi ambiciosos", afirmou.

Ademais destes nomes, destacan os do número dous, Luís Bará ; Xavier Campos, número tres; Rubén Cela, que ocupa o posto número catro; Carme da Silva e Olaia Ledo, en quinto e sexto lugar, respectivamente; Bieito Lobeira no oitavo e a devandita Lucía López na novena, sendo a primeira das caras novas na candidatura.

Para a portavoz nacional esta candidatura será a que pilote "un novo ciclo político" no que o Bloque ten a obriga de "seguir interpretando acertadamente o momento social", resaltando o acerto da formación en optar por "un discurso claro é actualizado, pola unidade e pola coherencia". "Acertamos manténdonos firmes nos nosos principios, que nos permitiron endereitar o rumbo do barco", concluíu.

XVII Asemblea Nacional

Con respecto á Asemblea Nacional do vindeiro 7 de novembro na Coruña, que fechará un ciclo do BNG e dará o pistoletazo de saída a outro co "gran obxectivo" de "liderar o Goberno de Galiza en 2024", Pontón puxo en valor o "traballo intenso e inmenso da militancia, o principal valor da organización", así como a escolla dunha liña política "que conseguiu conectar con miles de galegas e galegos"

"Sen renunciar a ningún dos nosos principios conseguimos situarnos como a alternativa ao PP, cun discurso claro e actualizado, centrado nas preocupacións da cidadanía e ofrecendo alternativas e solucións aos problemas que impactan de cheo nas familias, na clase traballadora, nas persoas autónomas, nas pequenas e medianas empresas", explicou.

Entre os retos para os vindeiros anos, a portavoz do BNG avogou por  "fortalecer a organización e ensanchar a base social", "avanzar nas eleccións municipais", "aumentar a representación nas Cortes do Estado como garantía de defensa dos intereses da Galiza ante o Goberno central" e "sentar unhas  bases sólidas para lograr o obxectivo de presidir o Goberno de Galiza en 2024".

“Galiza necesita un novo rumbo,  e non podemos escatimar esforzos para pór fin á desfeita das políticas do PP de Feixoo e ás nefastas consecuencias da súa submisión ao centralismo madrileño. Temos que  evitar que o descontento neste contexto de crise económica provoque pasotismo, frustración e desmobilización entre a xente, porque iso só favorece ás forzas políticas que queren manter un status quo, un madricentrismo nocivo para Galiza", finalizou unha Ana Pontón que non se quixo despedir sen lanzar a mensaxe de que da Asamblea Nacional da Coruña sairá "un BNG con máis forza que nunca para traballar a favor da Galiza e da súa xente".

Comentarios