Rego reclama 132 millóns adicionais de investimentos para Ourense e a contorna

A organización nacionalista exixe un maior investimento na cidade de Ourense e nas comarcas da contorna para superar a crise industrial e social.
Néstor Rego (centro), durante a rolda de prensa en Ourense. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Néstor Rego (centro), durante a rolda de prensa en Ourense. (Foto: Nós Diario)

Actualizar as infraestruturas ferroviarias da cidade de Ourense e as comarcas da contorna, amais, abaratando os billetes; sanear os ríos e mellorar a seguranza viaria son os eixos centrais das emendas para a zona presentadas polo Bloque Nacionalista Galego (BNG) durante o debate dos Orzamentos Xerais do Estado de 2022.

Nunha rolda de prensa este sábado onda as deputadas María G. Albert e Iago Tabarés; o deputado provincial, Bernardo Varela; e os concelleiros de Ourense, Luis Seara e Rhut Reza, o deputado polo BNG no Congreso, Néstor Rego, explicou que estas propostas suporían un investimento adicional de 132 millóns de euros que permitirían atender a crise industrial e social da cidade.

"Temos os billetes de tren máis caros de todo o Estado español de maneira incongruente e inexplicábel", subliñou, “é sorprendente que a viaxe de Ourense a Santiago poida valer 17,70 euros cando ir de Madrid a Barcelona se pode facer por 7 euros", incidiu.

Vertebración do sur da Galiza

Para "conseguir unha vertebración real da zona sur do noso país”, a organización nacionalista aposta pola mellora das liñas de tren convencionais.

A nivel de estradas, o lexislador reclama melloras na N-525, A-56 e A-76 para facilitar a conexión entre Valdeorras con León e a do sur con Portugal, así como bonificar as portaxes na AP-53 porque "resultan inasumíbeis para a maioría da poboación do noso país unhas peaxes de tan elevado custo", explica.

Outro dos temas que se abordou foi o estado dos ríos Loña e Barbaña, “contaminados debido ás verteduras constantes”, relatou Rego, que exixe financiamento para proceder a un saneamento integral dos cursos de auga.

Precisamente en Ourense, "que ten as pensións mínimas máis baixas en relación coa media do Estado”, recriminou, o deputado pediu o incremento das pensións mínimas e o avance en políticas sociais.

Comentarios