O BNG presenta 280 emendas aos orzamentos do Estado e di que hoxe non votarían "si"

Os orzamentos do Estado, di Ana Pontón, son un “punto de partida”, mais advirte de que hoxe “non terían o si do BNG”. A dirixente nacionalista e mais o deputado do Bloque no Congreso, Néstor Rego, anunciaron na mañá da sexta feira a presentación de 278 emendas, por valor de 1.500 millóns, ás contas do Goberno español.

Néstor Rego e Ana Pontón, na rolda de prensa (Imaxe: Nós Diario)
photo_camera Néstor Rego e Ana Pontón, na rolda de prensa (Imaxe: Nós Diario)

O BNG presentou no Congreso un total de 278 emendas por valor de 1.500 millóns de euros para tratar de modificar o proxecto de orzamentos do Estado para o ano 2022. O obxectivo: mellorar o investimento para a Galiza.

Así o anunciaron na mañá da sexta feira en rolda de prensa a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, e o portavoz do BNG no Congreso, Néstor Rego, que explicaron que as emendas van encamiñadas a corrixir "déficits" históricos como o da dependencia, a carencia dunha liña ferroviaria de proximidade e unha transición enerxética xusta, entre outras cuestións.

Entre as propostas, hai unha partida de 200 millóns para intervir Alcoa e garantir así os postos de traballo antes de estudar unha eventual venda a un operador solvente.

Polo momento, os nacionalistas galegos non están no "si", pero a postura final, advertiron, dependerá das negociacións e se se conseguen introducir cambios significativos.

“O BNG acertou o ano pasado”

"É un paquete de emendas para mellorar os investimentos para o país cunha única liña do BNG: a defensa dos intereses da Galiza", subliñou Ana Pontón, quen asegurou que o Bloque "acertou" o ano pasado "cando puxo por diante a defensa dos galegos" e non apoiou os orzamentos.

Esa posición "firme" supuxo que o punto de partido sexa agora "mil millóns de euros" mellor que o ano anterior. Neste sentido, observa "unha rectificación" nunhas contas que o BNG quere mellorar en temas como ferrocarril, crise industrial, débeda "histórica" en dependencia, e, en definitiva, nun "trato xusto para a Galiza.

Pontón tamén quixo advertir de que estes orzamentos debátense nun contexto de "preocupación" polos "recortes nas pensións negociados pola porta de atrás na UE", "bandazos" en canto á derrogación da reforma laboral e o mantemento da Lei mordaza, que se "segue aplicando" de tal forma que mesmo chega a perseguir a quen "di que non é 'La Toja' senón A Toxa".

Neste escenario, Pontón lamentou "o último episodio, impresentábel" no Congreso, coa renovación do Tribunal Constitucional.

"Chama a atención que poida pasar cun Goberno progresista. Non están a tragar un sapo, estanllo facendo tragar á cidadanía", lamentou a nacionalista.

Pola súa banda, o deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, considerou que o punto de partida "é lixeiramente mellor" que o do ano pasado. Unha cuestión que atribuíu á "posición de firmeza" dos nacionalistas cos orzamentos de 2021, unha "discriminación flagrante que se volvía ocorrer, volvería ter enfronte o BNG e o conxunto da sociedade galega, que non podería entender un trato destas características".

As emendas, ao detalle

Rego explicou que o BNG introduciu emendas para a "imprescindíbel modernización" ferroviaria, a conexión, por exemplo, entre A Coruña e Ferrol, a saída sur de Vigo e con Portugal. Os nacionalistas piden, así mesmo, a implantación do servizo de proximidade e a mellora da rede viaria convencional, como o mantemento da N-550, que vertebra tamén de norte a sur o eixo atlántico.

Ademais, presenta 200 millóns para a intervención pública de Alcoa, co fin de "salvagardar a totalidade dos postos de traballo"; 100 millóns para transformar Navantia, e que basee a súa actividade na construción naval civil e partidas para unha transición xusta -especialmente en Meirama (Cerceda) e As Pontes, con proxectos pioneiros de I+D+i; un aumento global de 200 millóns de euros no ámbito social (para todo o orzamento).

Outra das emendas ten a ver cos necesarios cambios na tributación con Facenda “para que non se penalicen as pensións con dobre tributación” ou “os traballadores que pasaron un Erte ou por varios contratos precarios”. Tamén reclama tres xulgados de violencia de xénero (Ourense, Lugo e Santiago) e baixar o IVE da enerxía, de produtos culturais, hixiene feminina ou salóns de salón de peiteado.

Ademais, Rego propuxo unha partida de 50.000 euros para pedir un estudo desde o punto de vista técnico e xurídico que conclúa no rescate da concesión da AP-9, tras soster a UE que as prórrogas foron "ilegais".

O "erro" de basearse na "pura matemática"

A respecto dos contactos co Executivo español, Rego explicou que mantiveron algúns pero non tivo lugar un "verdadeiro proceso de negociación".

“Sería un erro" que o Goberno español se basease na "pura matemática" á hora de sacar as contas adiante, nun contexto como o actual, engadiu, con "maiorías que poden ser moi volúbeis e variábeis". "Cometería un erro, máis aló doutras consideracións", concluíu.

O deputado do BNG no Congreso sinalou que gostaría de votar si aos orzamentos, pois “iso significaría que serían boas para a Galiza". Pero a decisión, advertiu, "non vai depender só" da postura dos nacionalistas galegos, senón das incorporacións ás contas das propostas sinaladas.

Comentarios