O BNG reclama máis recursos para Galiza ante a crise industrial

Nésor Rego presenta emendas aos orzamentos do Estado para salvar o emprego ante a crise industrial na Mariña e mais para modernizar e ampliar o servizo de ferrocarrís en Lugo e no conxunto da Galiza.
Maite Ferreiro, Olalla Rodil, Rubén Arroxo e Néstor Rego (Foto: Nós Diario)
photo_camera Maite Ferreiro, Olalla Rodil, Rubén Arroxo e Néstor Rego, esta sexta feira en Lugo. (Foto: Nós Diario)

Pór fin á crise industrial que padece a Galiza e, en especial, a comarca da Mariña é prioridade no BNG segundo enunciou este 19 de novembro o seu portavoz no Congreso, Néstor Rego. O deputado presentou en Lugo, xunto ao tenente de alcalde na cidade, Rubén Arroxo, varias emendas do Bloque aos Orzamentos Xerais do Estado. 

Rego puxo énfase no caso das fábricas de Alcoa e Vestas na Mariña, ambas en perigo de feche. Avanzou que unha das emendas pide a "intervención pública" da planta de Alcoa en San Cibrao. "Presentamos unha emenda específica para que o Goberno proceda á intervención de Alcoa, a través da SEPI nunha operación intermedia para que se faga con ela un operador industrial solvente", detallou.

Precisou tamén que as emendas teñen por obxectivo aumentar o investimento territorializado na Galiza para "compensar o déficit histórico do país". Ademais, marcou necesario ampliar os investimentos en infraestruturas, tanto por tren como por estrada (remate da A-54 Lugo-Santiago, avance da A-56 Lugo-Ourense e rehabilitación da N-540).

En canto aos camiños de ferro, demandou máis investimento para modernizar a rede ferroviaria, ampliar servizos e crear tren de proximidade na Galiza (para este último fin presentou emenda por 100 millóns de euros).

Reclamou un "servizo ferroviario do século XXI que acabe coa discriminación que soporta Lugo", pois é a única urbe galega sen conexión directa por tren con Santiago, un "agravio que se resolvería cunha obra de 27 km de vía para conectar as paradas de Curtis e Ordes creando unha traxecto directo Lugo-A Coruña", explicou Rego. "É máis rápido chegar de París a Londres que de Lugo a Santiago", dixo. 

Rego afirmou que teñen "vontade de acordar" e que lles gustaría votar a favor dos orzamentos. Con todo, puntualizou que iso dependerá de que o Goberno estatal estea disposto a incorporar emendas do BNG e aumentar as partidas para a Galiza.

Veto de 18 emendas

Polo de agora, o Goberno español vetou 18 emendas de todo o lote de emendas presentadas polo BNG aos Orzamentos Xerais do Estado. As vetadas (non se permitirán debater nin votar no Congreso) son as relativas á modificación de tributos, suba das pensións mínimas, aumento salarial ou incorporación da indemnización nos contratos predoutorais. 

Néstor Rego sinalou que emendas similares foron debatidas e votadas no ano pasado, polo que cualificou de "antidemocrático" o comportamento do Goberno de coalición PSOE-Podemos.

Comentarios