Orzamentos do Estado

O Goberno español veta o debate das emendas do BNG que piden subir pensións e baixar o IVE

Néstor Rego denuncia que o Goberno do Estado impedirá o debate de 18 emendas do BNG aos Orzamentos Xerais do Estado, unha decisión que considera "profundamente antidemocrática". Son emendas que piden a redución do IVE en servizos esenciais e en produtos culturais e que apostan pola suba das pensións.

O deputado do BNG, Néstor Rego, na Cámara Baixa (Foto: Nós Diario)
photo_camera O deputado do BNG, Néstor Rego, na Cámara Baixa (Foto: Nós Diario)

O Goberno español vén de vetar 18 emendas do BNG aos Orzamentos Xerais do Estado relativas á modificación de tributos, suba das pensións mínimas, aumento salarial ou incorporación da indemnización nos contratos predoutorais. O deputado nacionalista no Congreso, Néstor Rego, sinalou que emendas similares foron debatidas e votadas no ano pasado, polo que cualificou de "antidemocrático" o comportamento do Goberno de coalición PSOE-Podemos. O Executivo alude a que tales emendas provocarían un desaxuste orzamentario.

A ese respecto, Rego sinala que o argumento de "diminución de ingresos" ou "aumento do gasto" non pode ser "coartada" para "furtar o dereito a debater propostas fundamentais para mellorar as condicións de vida"  e lembra que a súa proposta para aumentar o imposto de patrimonio e gravar máis as grandes fortunas iría compensar sobradamente a baixada do IVE que propoñen en servizos esenciais. 

De facto, as emendas do BNG vetadas defenden a baixada do IVE a 4% para servizos esenciais (electricidade, auga, gas...), os produtos de hixiene feminina, os produtos culturais ou os pesqueiros. Tamén piden que os salóns de peiteado e imaxe persoal recuperen o IVE reducido de 10%.

O Goberno veta tamén a proposta de subir as pensións mínimas até equiparalas ao Salario Mínimo Interprofesional, cuestión que Rego considera "fundamental para reducir as fendas de xénero e territorial". Lembra ao respecto que as mulleres teñen a pensión media máis baixa e a Galiza as segundas pensións máis baixas do Estado. Entre as proposta que o Goberno non permitirá que sexan debatidas tamén está a suba en 5% do salario das e dos empregados públicos ou a incorporación da indemnización nos contratos predoutorais. Aliás, tamén foron vetadas as emendas que propoñen modificar o IRPF para evitar a dupla tributación das e dos emigrantes retornados ou para eliminar o diferente limiar de declaración con un ou dous pagadores, o que, para alén de afectar este colectivo, tamén o fai a todas as persoas que estiveron en ERTE ou que "en razón da precariedade existente tiveron máis de un contrato de traballo"

Tamén vetan a emenda para eliminar a Taxa de Reposición de Efectivos, cuestión que o BNG defende para acabar coa precarización dos servizos públicos, a temporalidade e aumentar o persoal en sanidade ou educación.

O deputado nacionalista anunciou que o BNG xa dirixiu un escrito de queixa á Mesa do Congreso para solicitar que reclame ao Goberno a reconsideración destes vetos antidemocráticos e que defenda o dereito da cámara a debater e votar todas as emendas presentadas.

Comentarios