Préstamos de 157.000 euros a 25 anos: estas son as condicións actuais das hipotecas concedidas na Galiza

En xullo asináronse 1.268 hipotecas sobre vivendas no país, o que supón un incremento de 2,4% a respecto do ano anterior.
En febreiro asináronse 1.241 hipotecas. (Foto: Paegag)
photo_camera En xullo asináronse 1.268 hipotecas. (Foto: Nós Diario)

O pasado mes de xullo asináronse na Galiza un total de 1.268 hipotecas sobre vivendas, o que representa un incremento na taxa interanual de 2,4%, en comparanza con xullo de 2021, mais un leve retroceso en relación ao mes anterior, xuño (-0,2%).

Así se desprende dos datos que vén de facer públicos esta cuarta feira o Instituto Nacional de Estatística (INE), que tamén mostran que o capital medio concedido en cada operación hipotecaria foi de 156.882 euros.

No que atinxe ás hipotecas sobre outro tipo de propiedades, concretáronse en xullo 1.906 operacións para mercar predios urbanos por un importe medio de 134.117 euros, por volta de 52 de carácter rústico —121.077 euros—.

No conxunto do Estado español, o número de hipotecas constituídas sobre vivendas aumentou 2,3% en xullo a respecto do mesmo mes de 2021, até sumar 35.918 préstamos, a maior cifra nun mes de xullo desde 2010, cando se asinaron máis de 55.000 hipotecas.

O importe medio das hipotecas constituídas sobre vivendas incrementouse en 8,1% na taxa interanual no sétimo mes do ano, até os 146.445 euros, mentres que o capital total prestado medrou 10,6%, con 5.260 millóns de euros.

O tipo de xuro medio das hipotecas para a adquisición de vivendas ficou en 2,5% —2,03% a tipo variábel e 2,68%, fixo—, cun prazo medio de 25 anos. Un de cada catro contratos (24,6%) asináronse a tipo variábel, mentres o 75,4% restante correspondeu ao tipo fixo, a porcentaxe máis alta da serie histórica.

A suba dos tipos de xuro anunciada a comezos de setembro polo Banco Central Europeo (BCE) encarece as hipotecas en até 2.000 euros ao ano para un préstamo concedido por valor de 150.000 euros, segundo estimacións de profesionais do sector.

Comentarios