BNG, ERC e Bildu levan ao Congreso a derrogación da reforma laboral de Mariano Raxoi

A iniciativa que se debaterá é unha lei articulada que pretende facer unha reforma integral do Estatuto dos Traballadores e non unha mera recomendación ao Executivo estatal.
O portavoz do BNG no Congreso, Néstor Rego, durante unha intervención no Congreso (Foto: Carlos Luján / Europa Press).
photo_camera O portavoz do BNG no Congreso, Néstor Rego, durante unha intervención no Congreso. (Foto: Carlos Luján / Europa Press)

O Bloque Nacionalista Galego (BNG), Esquerra Republicana (ERC) e Euskal Herria Bildu (Bildu) levarán ao Pleno do Congreso desta terza feira unha proposición de lei para reformar de maneira integral o Estatuto dos Traballadores e, entre outras cuestións, recuperar os 45 días de indemnización por despedimento improcedente.

En febreiro ERC defendeu unha moción para instar o Goberno español a recuperar os 45 días por despedimento improcedente, aproveitando que a vicepresidenta e ministra de Traballo, Yolanda Díaz, dixera que o custo do despedimento no Estado español é barato.

Aquela proposta logrou o apoio de Unidas Podemos mais o texto acabou sendo rexeitado pola maioría da Cámara, incluídos os votos en contra de PSOE e PP. Desta vez a votación terá un matiz distinto, pois o que se debaterá será unha lei articulada que pretende facer unha reforma integral do Estatuto dos Traballadores e non unha mera recomendación ao Executivo.

"En breve virá a esta Cámara unha iniciativa conxunta do BNG, Bildu e ERC para eliminar as facilidades para o despedimento, para recuperar a indemnización dun mínimo de 45 días, para recuperar os salarios e para recuperar tamén a autorización administrativa dos ERE [Expedientes de Regulación de Emprego]", adiantou o nacionalista Néstor Rego no debate da iniciativa presentada por ERC.

Neste contexto, o BNG, ERC e Bildu, que votaron en contra da reforma laboral impulsada por Yolanda Díaz, retoman a iniciativa e presentan agora unha reforma do Estatuto dos Traballadores "con visión de futuro que recupere dereitos" para as persoas traballadoras.

Basicamente, a iniciativa supoñería a derrogación da reforma laboral de 2012 emprendida polo Goberno do ex presidente español Mariano Raxoi, así como doutros puntos recolleitos no decreto sobre o mesmo ámbito aprobado polo Executivo do tamén ex mandatario estatal José Luis Rodríguez Zapatero en 2010. Uns puntos que a última reforma laboral deixara á marxe, o que motivou o voto en contra das tres forzas soberanistas.

Modificación do despedimento colectivo

Nesta proposta, os tres grupos soberanistas queren modificar as causas económicas polas que unha empresa poida xustificar un despedimento colectivo. Así, queren que este despedimento estea xustificado só cando a empresa teña unha situación económica negativa "continuada", que é cando mantén "perdas actuais" e "non meramente estimadas".

Tamén cabería aquí a posibilidade de acollerse a un despedimento colectivo se se constata "de forma fidedigna" unha diminución "grave e persistente" do seu nivel de ingresos ordinarios que poidan afectar á súa viabilidade. Por outra parte, o BNG, ERC e Bildu propoñen que un despedimento poida declararse nulo tamén no caso dun contrato temporal.

Comentarios