BNG, ERC e EH Bildu presentan unha Proposición de lei para "recuperar" e "ampliar" dereitos laborais

Os soberanistas explican que a iniciativa exposta "aspira a resultar compatíbel e non excluínte" cos proxectos anunciados polo Ministerio de Traballo e Economía Social.
Protesta en Compostela contra a reforma laboral (Foto: Nós Diario)
photo_camera Protesta en Compostela contra a reforma laboral (Foto: Nós Diario)

O Bloque Nacionalista Galego (BNG), Esquerra Republicana (ERC) e Euskal Herria Bildu (EH Bildu) veñen de rexistrar unha Proposición de lei para "complementar" a reforma laboral aprobada en marzo deste ano.

As tres forzas políticas fixeron público un comunicado no que cualifican de "necesaria" e "urxente" a recuperación e ampliación de dereitos sociais e laborais "ausentes na lexislación vixente".

En concreto, fan referencia a  "cuestións básicas e prioritarias" relativas á protección fronte aos despedimentos e ao "combate" contra a precariedade no ámbito do traballo.

"O noso obxectivo é transformar o mercado de traballo e, con el, as condicións de vida das persoas traballadoras. Para tal finalidade, mentres os nosos países non alcancen a plena soberanía, traballaremos para construír un novo marco xurídico no estado que sexa realmente garantista cos dereitos laborais de todos os e as traballadoras", prosegue o comunicado

Proposta das tres formacións

Entre as modificacións que recolle a proposta das tres formacións políticas, destacan aumentar das indemnizacións; modificar as causas de despedimento; recuperar os salarios de tramitación; reinstaurar a autorización administrativa en caso de despedimento colectivo; novas medidas para combater a precariedade, a parcialidade e a inestabilidade no traballo; modificar o ámbito da subcontratación para unha equiparación real de dereitos; e fortalecer a negociación colectiva.

"Esta iniciativa constitúe unha plataforma que debe servir, a criterio dos propoñentes, como punto de partida dun proceso amplo de debate, negociación e acordo entre os distintos axentes sociais, sindicais e políticos", subliña o escrito

Os soberanistas explican que a iniciativa exposta "aspira a resultar compatíbel e non excluínte" cos proxectos anunciados polo Ministerio de Traballo e Economía Social.

"O noso propósito é a consecución dun acordo social e parlamentario que permita aprobar unha nova Lei ambiciosa e efectiva que dea resposta ás demandas das persoas traballadoras en materia de lexislación laboral", engaden.

Comentarios