O BNG emenda os orzamentos do Estado para pedir un mellor trato para a Galiza

O portavoz do BNG no Congreso dos Deputados, Néstor Rego, rexistrou unha emenda á totalidade do proxecto de orzamentos para 2021 presentado polo Executivo de Pedro Sánchez co obxectivo de conseguir que “se trate con xustiza a Galiza”.

O deputado do BNG Néstor Rego.
photo_camera O deputado do BNG Néstor Rego.

"A proposta de orzamentos recolle para o conxunto do Estado unha suba nos investimentos de 20%". Porén, "na Galiza caen un 11% en relación a 2018, unha contía que xa era moi baixa e que representaba a metade de 2009".

Así explicaba na mañá da sexta feira Néstor Rego, deputado do BNG no Congreso, o motivo principal que levou a formación nacionalista a presentar unha emenda á totalidade ao proxecto de orzamentos xerais do Estado do Goberno encabezado por Pedro Sánchez.

Nunha rolda de prensa, o deputado do BNG criticou que os “distintos Gobernos españois comparten a idea que se poden aprobar uns orzamentos sen atender aos intereses galegos” e denunciou que nas contas estatais de 2021 “non se contemplan partidas para executar obras que faciliten a chegada da alta velocidade ferroviaria” ao país.

Nesta liña, puxo de manifesto que resulta "imprescindíbel" incrementar "de forma substancial" os investimentos para dar resposta ás necesidades perentorias en materia de infraestruturas da Galiza e para compensar os déficits históricos nesta materia".

Citou a "ausencia de compromisos" coas coas proximidades ferroviarias, coa liña de camiño de ferro entre Ribadeo e Ferrol ou coa da Coruña a Ferrol, onde o tempo de viaxe chega á hora e cuarto, practicamente o que leva viaxar de Madrid a Valencia en AVE.

Urxencias sanitarias e económicas

A resposta ás urxencias sanitarias e económicas provocadas pola pandemia así como o compromiso cunha axenda social máis ambiciosa ocupa un lugar central nas propostas dos nacionalistas.

Neste sentido, a emenda do BNG propón a supresión da taxa de reposición de efectivos sanitarios que impide ás administracións contratar máis persoal para os servizos de saúde e mellorar as súas condicións de traballo.

Ao tempo, demanda unha solución para a problemática fiscal das e dos emigrantes retornados, a nacionalización da factoría de Alcoa de San Cibrao (en Cervo), novos criterios de reparto do diñeiro procedente dos fondos de rescate europeo co obxectivo de que non discriminen a Galiza e un plan de apoio a pequena empresa, con especial atención ao comercio e a hostalaría, sectores particularmente afectados polo coronavirus.

"O Goberno non está disposto"

Rego apostou por negociar co Executivo unha mellora no trato a Galiza e lamentou que “o Goberno non quere negociar nin cambiar as previsións da Galiza nos orzamentos”. “Nós temos toda a disposición para chegar a acordos”, sinalou o portavoz nacionalista, quen expresou que o BNG “non pretende votar negativamente”, mais considerou que as contas presentadas non son asumíbeis para a formación.

Así e todo, as fontes da organización consultadas por Nós Diario agardan que na fase de tramitación dos orzamentos os socialistas asuman algunhas das propostas presentadas.

Comentarios