O BNG defenderá "con firmeza" os acordos de investidura de cara a apoiar os orzamentos

Néstor Rego vincula o seu sentido do voto a que se inclúan bonificacións e baixadas nas peaxes da AP-9 e a que aumente o investimento territorializado para o país, entre outras demandas
O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego.
photo_camera O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego.

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, asegurou hoxe que terá unha actitude "de absoluta firmeza" na defensa dos intereses da Galiza de cara á futura aprobación dos Orzamentos Xerais do Estado (OXE) de 2021. Así, o político nacionalista vincula o seu sentido do voto a que se inclúan bonificacións e baixadas nas peaxes da AP-9 , asó como a transferencia da súa titularidade, e a que aumente o investimento territorializado para o pais, entre outras demandas.

A través dun comunicado, Rego incide en que, para que as contas do próximo ano conten co seu 'si', terán que responder "como mínimo" a catro criterios. En primeiro lugar, que o investimento destinado a Galiza "coñeza un incremento significativo" con respecto aos Orzamentos do 2018, aínda en vigor.

Como segundo punto, reclama que se incorporen as partidas necesarias para "dar cumprimento estrito ao acordo de investidura" asinado en xaneiro entre o Bloque e o PSOE.

En terceiro lugar, o deputado do BNG esixe que os do 2021 sexan uns Orzamentos "claramente sociais", que permitan que a nova crise social e económica que deixa a pandemia da COVID-19 "non a paguen unha vez máis os traballadores e as traballadoras".

Por último, subliña que outro dos requisitos é que os fondos europeos de reconstrución que correspondan a Galiza se repartan "con criterios xustos", estean xestionados pola Administración galega e se destinen "prioritariamente a proxectos públicos de interese social".

Neste contexto, o BNG adianta que esixirá que os novos OXE atendan "á modernización das infraestruturas" ferroviarias galegas, o cal "encaixa perfectamente" nos criterios para a utilización das partidas europeas e suporía cumprir co acordo de investidura.

Ademais, pedirá a aprobación de "bonificacións e baixadas" das peaxes da AP-9 para acabar "co agravio comparativo" co país. "É hora de que se poñan en marcha", proclama Rego.

Comentarios