Montero debate as contas con sete formacións políticas

O Goberno español negocia os orzamentos do Estado coas formacións políticas para sacalos avante. Onte comezou a rolda de contactos e a ministra de Facenda xuntouse con sete grupos, incluído o BNG, que demanda maior investimento para a Galiza e anunciou xa a súa intención de presentar emenda á totalidade das contas.
O portavoz do BNG no Congreso, Néstor Rego, hoxe coa ministra de Facenda, María Jesús Montero. (Foto: Nós Diario)
photo_camera O portavoz do BNG no Congreso, Néstor Rego, hoxe coa ministra de Facenda, María Jesús Montero. (Foto: Nós Diario)

A ministra de Facenda, María Jesús Montero, expresou a súa "satisfacción" polo resultado da rolda de contactos que esta quinta feira mantivo con varias formacións para solicitar o seu apoio aos Orzamentos Xerais do Estado de 2021. "Quedamos convocados para que no proceso de emendas poidamos afondar na mellora do proxecto dos orzamentos", dixo. 

Precisamente a ministra tratou as contas do Estado co portavoz do BNG no Congreso, Néstor Rego, que anunciou a súa intención de presentar unha emenda á totalidade das contas. Rego xa afirmara que non votaría a prol dos orzamentos de non incrementárense para Galiza de maneira significativa. 

Se ben o BNG considerou de logro "histórico" que por primeira vez en 40 anos vaian baixar as peaxes da AP-9, tal e como o PSOE se comprometera cos nacionalistas no acordo de investidura, o Bloque considera que os investimentos territorializados na Galiza que se prevén (832 millóns) son insuficientes e reclamará incrementalos para que pasen dos 1.000 millóns.

A ministra tamén se reuniu hoxe con Ciudadanos, que solicitou a inclusión de máis fondos para a sanidade e axudas directas para pemes e autónomos. Cs xa confirmara a súa disposición a negociar as contas e onte puxo en dúbida que Esquerra Republicana de Catalunya vaia querer pactar co Goberno uns orzamentos que "grazas a Cs inclúen cousas como que non se aplique 21% de IVE á sanidade privada e á educación concertada ou que limiten a suba do IRPF ás rendas máis altas", dixo o portavoz da formación, Edmundo Bal.

"A responsabilidade está no tellado do Goberno", que "terá que elixir" se acepta as demandas de ERC que sexan contrarias ao xa acordado con Cs. "Connosco comprometéronse a respectar esas liñas", engadiu

Junts per Catalunya anunciou que rexeitan os orzamentos, aínda que catro deputados (os do PDeCAT) non obstaculizarán as contas. Coalición Canaria votará 'non' e o PNV dixo que non presentará emenda á totalidade, mais non garante o seu voto favorábel até ver que pasa coas súas emendas.

Defensa ve "lonxe da súa ambición" a suba de 4,6% do seu orzamento

A secretaria de Estado de Defensa, Esperanza Casteleiro, cualificou hoxe de "razoábel" a suba de 4,6% do orzamento do seu departamento para o próximo ano, unha cifra aínda "lonxe das súas ambicións" pero adaptada ao actual contexto de crise económica provocada pola pandemia do coronavirus, aseverou. Esperanza Casteleiro foi a encargada de detallar no Congreso dos Deputados as contas do Ministerio de Defensa que recolle o proxecto de Orzamentos Xerais do Estado para 2021 aprobado polo Goberno español.

En total, trátase de 9.411.93 millóns de euros, 4,6% máis que no exercicio 2020; e de 10,499 millóns ao sumar a dotación dos organismos autónomos. Todo iso sen incluír o custo das misións no exterior que se financian con cargo aos fondos de continxencia.

Comentarios