O BNG non apoiará os Orzamentos do Estado sen un incremento dos investimentos para Galiza

O deputado nacionalista Néstor Rego destaca que o investimento territorializado na Galiza é inferior ao de 2018 do PP, "claramente insuficiente e discriminatorio coa Galiza". O BNG traballará nas próximas semanas para que supere os 1.000 millóns de euros e incorpore actuacións "moi necesarias", especialmente, na modernización das redes ferroviarias interiores.
Imaxe do deputado nacionalista Néstor Rego.
photo_camera Imaxe do deputado nacionalista Néstor Rego.

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, fixo este sábado unha valoración do proxecto de Orzamentos Xerais do Estado en que cualificou de "insuficiente" o investimento territorializado no país.

A formación nacionalista destaca que o seu único compromiso é "coa defensa dos intereses dos galegos e galegas" e advirte que non apoiará estas contas se non se ven incrementadas de maneira significativa.

O BNG considera un feito histórico que as portaxes da AP-9, unhas das máis caras de todo Estado, en vez de seguir subindo, vaia baixar por primeira vez en 40 anos, especialmente pola bonificación para os usuarios e usuarias recorrentes. "Invértese a tendencia de suba para unha tendencia de baixada grazas á posición firme do BNG no acordo de investidura" salientan desde o Bloque. Nese sentido, Rego destaca que a formación nacionalista seguirá a traballar para lograr unha AP-9 galega e sen peaxes.

Rego sinala tamén outros aspectos do acordo de investidura que figuran plasmados nestes orzamentos, entre os que destaca a dragaxe e rexeneración da ría do Burgo, nas partidas para completar as actuacións no eixo atlántico ferroviario de Vigo á fronteira portuguesa, a mellora para electrificar a liña entre Ourense-Lugo, io inicio do proxecto do corredor atlántico de mercadorías ou o último tramo da conexión ferroviaria co porto exterior de Ferrol. 

Con todo, o BNG considera que os investimentos territorializados na Galiza son "claramente insuficientes e prexudiciais para os intereses do noso país". Rego adiantou que a frente nacionalista non vai apoiar estes orzamentos se non son modificados á alza de forma significativa.

“Non podemos aceptar que se siga discriminando o noso país", apuntou, e reclamou uns orzamentos "que cumpran con Galiza e que compensen o déficit histórico que levamos padecendo durante moitos anos, especialmente, durante os últimos anos do Partido Popular".

Estes 832 millóns de euros supoñen, aos seus ollos, unha pequena suba en comparación co proxecto frustrado de Orzamentos de 2019 mais unha baixada de 11% en relación cos de 2018 do PP, que “xa eran cativos”. Por esta razón, reclamará que haxa un incremento significativo para que pase dos 1.000 millóns de euros e presentará emendas nese sentido.

O deputado nacionalista tamén salientou que hai actuacións do acordo de investidura que non figuran nestes Orzamentos, o que considera "inxustificábel". Entre elas citou a conexión ferroviaria do orto exterior da Coruña, a mellora da liñas A Coruña- Ferrol (cunha partida mínima) e A Coruña-Lugo ou a modernización da liña de FEVE, que articula todo o norte da Galiza, “cando si existe unha partida para Asturias”.

Comentarios