O BNG reclama máis investimentos en infraestruturas nos orzamentos

O BNG considera "inaceptábel" que non se atenda o déficit histórico en infraestruturas, especialmente sangrante no caso dos camiños de ferro interiores.
Néstor Rego é deputado polo BNG no Congreso.
photo_camera Néstor Rego é deputado polo BNG no Congreso.

O portavoz do Bloque Nacionalista Galego no Congreso, Néstor Rego, durante a intervención na Comisión de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, cualificou como “insuficientes” os investimentos en infraestruturas previstos para a Galiza e advertiu que, se non houber modificacións substanciais no proceso de debate, o BNG votará en contra dos Orzamentos do Estado por seren “inaceptábeis e discriminar gravemente o noso país en materia de infraestruturas de transportes e mobilidade de forma moi evidente”.

O deputado nacionalista denunciou o déficit histórico en infraestruturas ferroviarias que padece a Galiza así como o estado “calamitoso” en que se encontran algunhas liñas e salientou que por iso o BNG priorizou as actuacións nos camiños de ferro no acordo de investidura asinado no mes de xaneiro.

Rego salientou tamén que, pese a que os responsábeis do Ministerio enfatizan que se triplican os recursos para modernizar as cercanías na Galiza non existe un servizo merecente de tal nome, mais tampouco se prevén investimentos para o pór en marcha, e reivindicou unir por tren Santiago e Lugo.

Néstor Rego sinalou que o Ministerio de Transporte, Mobilidade e Axenda Urbana non prevé ningunha partida orzamentaria para a liña A Coruña-Lugo nin para a conexión ferroviaria co porto exterior de Punta Langosteria e tampouco para a liña de FEVE, que articula todo o norte do país entre Ferrol e Ribadeo. Ademais, a modernización da liña A Coruña-Ferrol só conta cunha partida simbólica que non permitirá adiantar ningunha actuación.

En canto ás liñas de alta velocidade, Rego destacou a previsión “ridícula” para a variante de Ourense (apenas 29 millóns de euros sobre un total de 636 en que está orzamentada a obra)  e a falta de partidas orzamentarias para a conexión do Eixo atlántico entre Vigo e a fronteira portuguesa que cualificou de “imprescindíbel para completar esa liña e conectar con Portugal”.

Lembrou que a propia Ministra de Cohesión Territorial portuguesa, Ana Abrunhosa, criticaba públicamente o Goberno español por pretender impor como prioritario para as infraestruturas ferroviarias de Portugal a liña Lisboa-Madrid, cando o obxectivo central do Goberno portugués é a conexión Lisboa-Porto-Vigo.

Aliás, o diputado nacionalista cuestionou que outras dúas actuacións importantes como a A-56, entre Ourense e Lugo, e a A-74, na Mariña, só conten con partidas simbólicas, “o que evidencia a falta de interese do Ministerio por estas actuacións.

Comentarios