Uns orzamentos do Estado con sabor agridoce

: Redución das peaxes nos tramos da AP-9 e descenso de 11% no investimento.
en 2021, 70% do total de accidentes mortais tivo como protagonistas vehículos de máis de dez anos (Foto: Nós Diario).
photo_camera AP9

A proposta de orzamentos presentada polo Executivo estatal recolle avances na rebaixa das peaxes da AP-9, mais non atende outras actuacións en diversas materias comprometidas polo Goberno de Pedro Sánchez no seu programa de investidura. Así, o anteproxecto de contas públicas estabelece unha achega de arredor de 60 millóns de euros para reducir as peaxes en varios tramos da autoestrada do Atlántico, garantir a gratuidade entre Vigo e Redondela e compensar a conta do erario público a suba de 1% anual fixado no convenio entre o Estado e Audasa. Neste sentido, a propia ministra de Facenda, a socialista María Jesús Montero, destacou a diminución das peaxes nesa vía e vinculouno ao “cumprimento do acordo programático de investidura co BNG”. 

A totalidade das forzas políticas galegas valoraron positivamente esta decisión. O presidente da Xunta da Galiza, Alberto Núñez Feixoo, cualificou a medida como “a única luz” dos orzamentos e sinalou que “por fin” se vai “eliminar a peaxe entre Redondela-Vigo”, na liña do afirmado anteriormente polo Goberno galego e polo Partido Popular da Galiza. Pola súa banda, Gonzalo Caballero destacou onte que as contas públicas dan resposta á demanda “histórica” para “bonificar as peaxes da AP-9”, afirmando o seu compañeiro de formación, Xaquín Fernández Leiceaga, que “a botella está razoabelmente chea”, polo que o PP debe “recapacitar” e “tragar as súas previsións negativas”.

“É un logro colectivo da sociedade galega” e tamén “un logro deste Goberno”, subliñou onte o deputado de Galicia en Común, Antón Gomez-Reino, quen celebrou a decisión do Executivo neste asunto. O portavoz do BNG no Congreso dos Deputados, Néstor Rego, reivindicou este acordo como resultado do pacto da investidura entre os nacionalistas e o PSOE; considerou “escandaloso” que a Xunta da Galiza, que “non fixo nada por conseguir os descontos, pretenda atribuírse os méritos”; significou que cómpre celebrar esta medida e apostou pola absoluta gratuidade, xa que se trata dunha vía “amortizada” e chave para vertebración territorial do país.

Rego cualificou os investimentos recollidos nos orzamentos como “insuficientes” para a Galiza pola necesidade de “compensar o déficit histórico de infraestruturas”. “Imos traballar para que sexa aumentado de maneira significativa o investimento na Galiza”, sinalou o deputado do BNG, quen adiantou o compromiso dos nacionalistas en mellorar as contas. As críticas de Rego foron partilladas polo voceiro popular, Celso Delgado, quen denunciou “unha rebaixa de 11 puntos no investimento na Galiza” en relación ás contas públicas de 2018. O alcalde de Vigo, Abel Caballero, recoñeceu que os orzamentos atrasarán o “AVE ou a saída ferroviaria sur”, se ben culpou o Goberno de Mariano Raxoi desa situación.

A posición do PP, PSOE e Galicia en Común semella clara en relación aos orzamentos mais fica por decidir o sentido de voto do BNG, que a coalición de Goberno tenta gañar con medidas como a redución das peaxes. A este respecto, as fontes nacionalistas consultadas por Nós Diario consideran “moi complicado” apoiar estas contas se non hai mudanzas substantivas e o Executivo non avanza con “máis claridade” no cumprimento das propostas acordadas no pacto entre nacionalistas e socialistas que permitiu a investidura de Pedro Sánchez.

Comentarios