Sesión de investidura

Besteiro ve "decepcionante" o discurso de Rueda e di que os cambios na Xunta serán "cosméticos"

O líder do PSdeG considerou que, neste discurso de investidura, Rueda perdeu "unha grande oportunidade" ao comportarse máis como un "líder da oposición no Estado" que como un presidente da Galiza.
O portavoz do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, en declaracións aos medios no Parlamento galego. (Foto: Europa Press)
photo_camera O portavoz do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, en declaracións aos medios no Parlamento galego. (Foto: Europa Press)

O portavoz parlamentario do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, cualificou de "moi decepcionante" o discurso ofrecido polo candidato popular á investidura e considerou que os cambios na estrutura do Goberno da Xunta da Galiza só serán "cosméticos". En declaracións aos medios após a intervención de Alfonso Rueda na primeira sesión do debate de investidura, lamentou a falta de "impulso político" e de "ambición" mostrada polo candidato do PP nun discurso que, na súa opinión, parecía máis propio dun debate do Estado da Autonomía que dunha investidura.

Neste sentido, o tamén secretario xeral do PSdeG asegurou que os primeiros 35 minutos do discurso supuxeron un "ataque constante" ao Goberno estatal, no que definiu como "unha actitude pouco edificante" que parece indicar que "vai seguir na mesma liña da lexislatura pasada".

Así, o dirixente socialista censurou que Rueda volva atribuír a "responsabilidade de todos os problemas" ao Estado sen "asumir ningunha", e criticou tamén a relación "tremendamente hostil" con outras Administracións como os Concellos. "Nin unha soa palabra para a relación co mundo local, cos Concellos. Eses que habitualmente a Xunta da Galiza está afeita a convidar, mais para que paguen eles", dixo.

Tamén lamentou a "falta de impulso político" mostrada polo candidato popular, que, na súa opinión, non é capaz de recoñecer os grandes retos de país e do autogoberno da Galiza. "Ningunha mención ás novas competencias que a Galiza pode e debe asumir", afirmou Besteiro.

"É unha actuación tremendamente decepcionante, pouco ilusionante e pouco ambiciosa", insistiu o socialista, que incidiu en que o PSdeG insiste moito na "potencia económica da Galiza" e en "como ser capaces de poder conquistala".

Neste sentido, considerou que Rueda non foi claro á hora de definir cales son os proxectos estratéxicos para a Galiza e en como a Galiza vai participar neses proxectos industriais.

Pacto pola industria

Neste punto e preguntado pola proposta feita por Rueda á oposición para chegar a un pacto pola industria e a enerxía, Besteiro asegurou que aínda que aceptan a posibilidade de chegar a acordos tratouse dun ofrecemento "pouco concreto".

"Eses grandes retos de industria de país e de futuro son os que hai que identificar", dixo para asegurar que "poden ser obxecto de acordo se a Xunta está aberta". Con todo, sostivo que o popular propuxo o desenvolvemento de medidas xa desenvoltas como a sociedade de recursos naturais que se debe "reconfigurar".

Besteiro reivindicou unha "política activa" con "diálogo e convivencia" por exemplo en materia de enerxía. Así, considerou necesarias alternativas ao "enredo xudicial" no que, segundo dixo, ten sumida á Galiza a xestión o Goberno galego.

Estrutura da Xunta

No referente á estrutura da Xunta, o dirixente socialista considerou que os cambios responden "a efectos puramente cosméticos". "Non vexo unha evolución positiva nin unha estrutura realmente sorprendente", afirmou.

Por todo iso, Besteiro considerou que, neste discurso de investidura, Rueda perdeu "unha grande oportunidade" ao comportarse máis como un "líder da oposición no Estado" que como un presidente da Galiza.

"Non respondeu a cuestións que expuñamos no PSOE importantes como son o impulso político, a ambición e a blindaxe dos servizos públicos", dixo o socialista, que asegurou ter "poucas esperanzas" en que nos próximos catro anos se vaia a facer unha política diferente da que se fixo nos anteriores.

Comentarios