Besteiro será portavoz parlamentario do PSdeG, con Elena Espinosa, Lara Méndez e Carmen Dacosta como viceportavoces

Os deputados socialistas rexistraron na mañá desta terza feira a constitución do novo grupo e traballan na repartición de áreas que ostentarán cada un dos novos deputados.
XII legislatura Parlamento de Galicia
photo_camera Grupo parlamentario do PSdeG (Foto: Europa Press)

O que foi aspirante do PSdeG á Presidencia da Xunta da Galiza, José Ramón Gómez Besteiro, será o portavoz parlamentario do PSdeG na XII Lexislatura que arrinca na Cámara galega despois das eleccións do pasado 18 de febreiro.

Na dirección do grupo, o futuro secretario xeral dos socialistas estará acompañado pola ex ministra de Agricultura Elena Espinosa; a ex alcaldesa de Lugo Lara Méndez; e a deputada Carmen Rodríguez Dacosta como viceportavoces.

Os parlamentarios socialistas rexistraron na mañá desta terza feira a constitución do novo grupo e traballan na repartición de áreas que ostentarán cada un dos novos deputados.

Deste modo, Besteiro será o encargado de interpelar ao presidente da Xunta, Alfonso Rueda, nas sesións de control dos plenos da Cámara e estará acompañado nos labores da dirección de tres mulleres con experiencia en distingos ámbitos.

Así, a que foi cabeza de lista pola provincia de Pontevedra e ex ministra de Agricultura dos gobernos de José Luis Rodríguez Zapatero, Elena Espinosa, será unha das viceportavoces. Ademais, ostentará esta responsabilidade a ex alcaldesa de Lugo, Lara Méndez. Política moi próxima a Besteiro e actual vicesecretaria xeral en funcións do PSdeG, deixou a Alcaldía da cidade da Muralla para acompañalo na candidatura da formación pola circunscrición de Lugo.

A terceira das viceportavocías do PSdeG recaerá na deputada pola provincia de Ourense, Carmen Rodríguez Dacosta. Con experiencia en anteriores lexislaturas, esta parlamentaria, avogada de formación, é asesora xurídica de UXT e desempeñou distintas responsabilidades profesionais e no partido, como a secretaría xeral da Agrupación local de Ourense entre 2012 e 2018.

Os socialistas, ademais, terán un posto na Mesa da Cámara tras facilitar o BNG esta posibilidade. En concreto, a que fora cabeza de lista pola  Coruña, Patricia Iglesias, será a vicesecretaria do órgano reitor do Lexislativo galego.

Nun acto na Coruña e preguntado pola decisión do BNG de facilitar a presenza dos socialistas na Mesa do Parlamento, o actual secretario xeral do PSdeG en funcións, Valentín González Formoso, celebrou que este órgano reflicta a "pluralidade" da Cámara. "Creo que é un bo sinal para a sociedade galega", afirmou Formoso, que asegurou que é "nestes momentos" nos que se "mide a catadura democrática dos partidos políticos" e agradeceu ao BNG esta disposición. "No noso caso fariamos o mesmo", sostivo.

Comentarios