Besteiro advirte das "dúbidas" que xera o proxecto de Altri e insta a Xunta a explicar os "cambios"

O socialista pide explicacións sobre o paso de 2.500 a "300 ou 500" empregos nas estimacións sobre o impacto da factoría na comarca.
O portavoz do grupo socialista, José Ramón Gómez Besteiro. (Foto: Europa Press)
photo_camera O portavoz do grupo socialista, José Ramón Gómez Besteiro. (Foto: Europa Press)

O secretario xeral e portavoz parlamentario do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, advertiu esta segunda feira das "dúbidas" que xera o proxecto que Altri quere instalar en Palas de Rei (A Ulloa) e instou a Xunta da Galiza a explicar os "cambios" sobre a iniciativa inicial.

Nunha rolda de prensa ofrecida esta mañá na Cámara galega e en resposta aos medios, o parlamentario socialista emprazou o Executivo galego en funcións a explicar os cambios entre os compromisos anunciados no proxecto e a realidade que se coñeceu, dixo, nos últimos días.

Na súa intervención, advertiu de que o Goberno de Alfonso Rueda aínda non abriu "a boca" para explicar por que pasou de 2.500 a "300 ou 500 empregos" e por que o declarou como proxecto estratéxico.

O socialista reclamou ao Executivo que despexe as "suspicacias, incertezas e dúbidas" da cidadanía sobre o manexo da auga neste proxecto, así como a xestión dos lodos ou se vai pór fin á moratoria sobre a plantación de eucaliptos na Galiza.

Ademais, sinalou que o Goberno galego é o "responsábel" de patrocinar un proxecto sobre o que no seu día lles dixo aos galegos e galegas "cousas que agora non se demostran".

Por último, Besteiro comprometeuse na defensa da implantación de industrias sustentábeis con respecto estrito ao medio ambiente, pero advertiu á Xunta que "hai cuestións que neste momento teñen que contestarse e que non se poden esconder".

Comentarios