sesión de Investidura

Rueda reivindica a "Galiza que funciona" e avanza a creación dunha Dirección de Asuntos Constitucionais

"Galiza elixiu as urnas e non nas redes. Non fixeron falta likes nin retuits", aseverou o líder dos populares, que dixo aos galegos que "non esperen" del que "levante muros" entre os cidadáns "nin coa nación da que Galiza forma parte".
O presidente da Xunta en funcións, Alfonso Rueda, esta terza feira no Parlamento. (Foto: Álvaro Ballesteros / Europa Press)
photo_camera O presidente da Xunta en funcións, Alfonso Rueda, esta terza feira no Parlamento. (Foto: Álvaro Ballesteros / Europa Press)

O presidente da Xunta da Galiza en funcións e candidato do PP na sesión de investidura que decorre esta semana, Alfonso Rueda, iniciou o seu discurso desta terza feira —xornada na que será o único deputado que interveña, durante o tempo que el considere— reivindicado a "Galiza que funciona" e recoñecendo os "acertos" e "erros" cometidos durante a súa etapa á fronte do Goberno desde "moi diversas responsabilidades".

Na súa intervención no discurso de investidura, aproveitou as súas primeiras palabras para pór en valor a "enorme transformación" que viviu Galiza nas últimas décadas, desde o primeiro transplante de fígado até converterse nunha "referencia en transplantes". "A sanidade duplicou o número de profesionais que traballan nela e as operacións que se realizan", dixo, para salientar tamén que recibe a máis de 2,6 millóns de turistas. "A esperanza de vida dos galegos pasou de 78 a 83 anos. E ademais cuadriplicouse o saldo migratorio da Galiza", apuntou.

'Asuntos Constitucionais'

Rueda defendeu tamén que a súa xestión evitará as "rupturas, bloqueos nin xiros bruscos" e actuará co Estatuto de Autonomía como guía, ao entender que é "marco suficiciente para facer tantas cousas". Nos primeiros instantes do seu discurso, incidiu que ese será o camiño do seu Goberno porque foi o modelo do "sentidiño" referendado, afirmou, nas urnas o pasado 18 de febreiro.

"Galiza elixiu as urnas e non nas redes. Non fixeron falta likes nin retuits", aseverou o líder dos populares, que dixo aos galegos que "non esperen" del que "levante muros" entre os cidadáns "nin coa nación da que Galiza forma parte". Así, reivindicou a "moderación" porque, ao seu xuízo, "non revela indecisión, senón todo o contrario". "Escoitar a quen pensa distitno é unha mostra sempre de fortaleza e nunca de debilidade", apostilou. E nesta mesma liña, avanzou que creará unha Dirección de Asuntos Constitucionais que dependerá de Presidencia e que ve necesaria polos "ataques á Constitución".

Lingua

En materia de lingua, avanzou que a cultura galega e a política lingüística terán un "maior peso" no Goberno galego. Tamén reivindicou o galego como lingua "modelo de convivencia" que "constitúe un exemplo para o resto de España". Rueda comprometeuse a seguilo impulsando "aínda con máis énfase". "E así vai quedar reflectido con maior peso na estrutura política, na nosa política lingüística, na cultura galega, no Goberno que arrincará a partir da semana que vén", manifestou.

O dirixente popular pronunciouse nestes termos nun contexto no que soa o nome do secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, para ocupar unha Consellaría no próximo goberno. El foi, precisamente, o encargado de coordinar o programa do Partido Popular para as eleccións do pasado 18-F.

Nova rebaixa fiscal

O aspirante á Presidencia anunciou tamén a aplicación dunha nova rebaixa á tributación das herdanzas que se aplicará entre os parentes colaterais —irmáns, tíos, sobriños, sogros, cuñados e xenros—. Aliás, as responsabilidades en ciencia pasarán de Economía a "centralizarse" na Consellaría de Educación, e as competencias de Emigración entrarán no departarmento de Emprego para tratar de impulsar as estratexias de retorno de galegos no exterior.

Pacto pola industria

Por outra parte, asegurou que lle gustaría alcanzar na Cámara galega un "amplo consenso" sobre os asuntos que forman parte da columna vertebral da economía do país e, neste senso, propuxo chegar a un pacto pola industria e a enerxía. "Gustaríame que todos os partidos con representación parlamentaria puidesen facer as súas propostas en materia de política económica", afirmou.

Ademais, avanzou que a Xunta garantirá que todos os proxectos que cren 25 ou máis emprego e que leven consigo un investimento mínimo de dous millóns de euros sexan tramitados nun prazo máximo dun ano. "Se a Administración non cumpre, indemnizarase ao promotor". Tamén dixo que as competencias de Ordenación do Solo Industrial, até o de agora vinculadas a Urbanismo, pasarán a integrarse na Consellaría de Industria para garantir que ningún proxecto deixe de ser viábel por falta de solo. Aliás, avanzou a creación dun fondo público-privado, cun capital inicial de 300 millóns de euros, para dar impulso ás iniciativas empresariais máis emprendedoras.

Comentarios