Rolda de contactos

Besteiro avanza o 'non' do PSdeG á investidura de Rueda: "Non é o candidato que queremos para a Galiza"

O secretario xeral electo e portavoz parlamentario do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, reúnese co presidente do Parlamento, Miguel Santalices, na rolda de consultas aos grupos previa á sesión de investidura

EuropaPress_5860740_secretario_xeral_electo_portavoz_parlamentario_psdeg_jose_ramon_gomez
photo_camera Gómez Besteiro e Miguel Santalices no econtro desta terza feira (Foto: PSdeG)

O portavoz parlamentario e secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, avanzou o voto en contra da súa formación á investidura do aspirante popular á Presidencia da Xunta da Galiza, Alfonso Rueda, ao asegurar que "non é o candidato" que os socialistas queren para o país.

Besteiro pronunciouse deste modo despois de participar na rolda de consultas co presidente do Parlamento galego, Miguel Santalices, ao que lle trasladou o sentido do voto do seu grupo.

"O que lle trasladei é que non imos apoiar o candidato do PP. Entendemos que lle apoia unha maioría absoluta pero, loxicamente, a nosa oferta e a nosa proposta para a Galiza para o vindeiros catro anos non pasa por propor como presidente da Xunta a Alfonso Rueda", dixo.

Besteiro lembrou que o PSdeG defende outra forma para dirixir o país, con medidas como as trasladadas polos socialistas durante a campaña electoral en materia de servizos públicos ou economía.

"Escoitaremos a proposta de debate do candidato, mais evidentemente a día de hoxe estamos en posicións radicalmente distintas", incidiu.

Besteiro, que destacou a cordialidade do encontro mantido con Santalices, explicou que aproveitou a cita para trasladar ao titular do Lexislativo galego que a súa formación fará unha oposición "construtiva, serie, rigorosa e firme".

Así, aproveitou para desmarcarse da actitude do PP en Madrid. "Porque nin a sentimos nin sentimos cómodos facendo ese tipo de oposición nin creo que sexa construtivo para o debate parlamentario", afirmou.

Ademais, preguntado polo que espera a súa formación do discurso de Rueda, Besteiro considerou que previsibelmente se verá unha liña "continuista". "É o que até agora se manifestou. Veremos se hai novidades nese debate pero, a día de hoxe, obxectivamente non compartidos a forma de dirixir Galiza que ten o Partido Popular e, nese sentido, a día de hoxe, obxectivamente, o voto será negativo".

Comentarios