Galiza Nova evoca o centenario do Seminario de Estudos Galegos cunha actividade en Cuntis

O acto terá lugar o vindeiro 12 de outubro, data do centenario, no Auditorio José Raído ‘Patelas’ en Cuntis (comarca de Caldas) e consistirá nunha xornada de mañá na cal emularán o seminario da época pero adaptándoo á mocidade galega da actualidade.
Elia Lago e Marta Gómez mostran o cartaz da actividade sobre o SEG (Foto Galiza Nova).
photo_camera Elia Lago e Marta Gómez mostran o cartaz da actividade sobre o SEG (Foto Galiza Nova).

A organización xuvenil do BNG, Galiza Nova, presentou esta cuarta feira a actividade 'Seminario de Estudos Galegos 2.0' coa que pretenden homenaxear o centenario que neste 2023 compre o seminario orixinal.

O acto terá lugar o vindeiro 12 de outubro, data do centenario, no Auditorio José Raído ‘Patelas’ en Cuntis (comarca de Caldas) e consistirá nunha xornada de mañá na cal emularán o seminario da época pero adaptándoo á mocidade galega da actualidade.

Tal e como sinala Élia Lago, responsábel de Lingua e Cultura da organización, “en Galiza Nova acreditamos no potencial que ten a organización para a dinamización da nosa lingua e da nosa cultura, organizamos esta homenaxe coa intención de pór en valor o noso idioma, a nosa cultura e o tecido asociativo xuvenil que hai no noso país”.

A xornada comezará ás 11 da mañá con mesas redondas nas cales participarán os proxectos Mazarelos, Memoria e Cinema, Cantam808, A Colectiva e Clara Corbelhe, elaborando unha conversa en que o público tamén teña participación e se reflexione colectivamente sobre o pasado, o presente e o futuro destes proxectos.

Unha vez concluídas as mesas redondas, o acto rematará cun concerto a cargo do grupo Filloas e cun xantar –ao que están convidadas todas as persoas asistentes– que estará amenizado pola artista DjMisa.

"Formación e debate"

“Queremos que haxa espazo para a formación e para o debate, que se visibilice que a mocidade a día de hoxe tamén se organiza, crea proxectos e busca cambios para mellorar o seu futuro” sinalou pola súa parte Marta Gómez, Secretaria Xeral de Galiza Nova, “mais tamén que sexa un espazo para o convivio e con oco para o lecer, creando un espazo aberto e cómodo no que poder contrastar as nosas ideas”, engadiu.

Está previsto que a xornada remate ás 16 horas, cando rematarán os concertos planificados e será un evento gratuíto para o que non é necesario facer unha inscrición previa.

“A nosa vontade é que se achegue a xente que queira, para coñecer máis en profundidade os proxectos que participan e tamén para dar a coñecer Galiza Nova como a alternativa de futuro para a mocidade galega” sinalou Lago.

Máis en MEMORIA E HISTORIA
Comentarios