'Sermos Galiza' dedica un especial ao Seminario de Estudos Galegos

Este sábado, número monográfico do semanario xunto ao xornal 'Nós Diario' ao prezo habitual: 80 páxinas por só 3,20 euros!
Capa do 'Sermos Galiza' especial sobre o centenario do Seminario de Estudos Galegos.
photo_camera Capa do 'Sermos Galiza' especial sobre o centenario do Seminario de Estudos Galegos.

Nós Diario achega este sábado, 7 de outubro, un número especial  do semanario Sermos Galiza con motivo do centenario do Seminario de Estudos Galegos (SEG). É un coidado e fundamentado traballo de recuperación do que foi o SEG como entidade pioneira a nivel cultural, científico e investigador na Galiza e analiza o legado desta entidade nada e desenvolvida desde o nacionalismo.

Colaboran nesta publicación dez especialistas en distintos ámbitos do coñecemento que, ao tempo, están a partillar estas reflexións nas xornadas organizadas pola Agrupación Cultural O Galo 'Seminario de Estudos Galegos, 1923-1936. O estudo como instrumento para o cambio político-social'. Ao longo de 48 páxinas que inclúen fotografías históricas, Sermos Galiza achega a traxectoria dunhas xeracións de galegas e galegos que querían dotar Galiza de coñecemento e poñela na vangarda.

10 especialistas

Miguel Anxo Seixas, historiador e presidente da Fundación Castelao, abre o especial cos traballos de recuperación da cultura e lingua galegas anteriores ao SEG. O catedrático de Bioloxía Xosé Antón Fraga repara en como o SEG incorporou por vez primeira na historia do galeguismo as ciencias entre os seus temas de traballo.

O catedrático de Historia da Educación Antón Costa Rico analiza o impulso dunha escola galeguizadora e o profesor e doutor en Historia Uxío-Breogán Diéguez analiza o compromiso político do SEG e a súa importancia en favor da autonomía Estatuto de Galiza". Ademais, a ensaísta Aurora Marco trae ao presente as mulleres que participaron no SEG, como Carmiña Sierra, Luísa Cuesta ou Pura Lorenzana, á vez que o director do Museo do Pobo Galego, Manuel Vilar, analiza o legado dos integrantes do SEG no campo da etnografía.

O doutor en Filoloxía Xosé Ramón Pena achega o traballo "Os novos contra os avellentados. A literatura de noso na xeira do SEG"; a crítica de arte Mercedes Rozas expón a relación entre o SEG e a arte e o historiador Ramón Ermida analiza a represión fascista sobre os membros do SEG e recorda como o seu legado foi ocultado e espoliado coa creación do Centro de Estudios Gallegos Martín Sarmiento (CSIC).

Finalmente, Mariña Arbor recorda Bertil Maler e a sensibilidade e interese desde o estranxeiro pola Galiza de 1936.

Comentarios