25-X | DÍA DA PATRIA GALEGA

Galiza Nova rende homenaxe a Rosalía e Castelao máis un ano

Para rematar o acto, tivo lugar a tradicional ofrenda floral no Panteón dos Galegos Ilustres, onde repousan os restos de Rosalía e de Castelao.
A secretaria xeral de Galiza Nova, Marta Gómez, intervén no acto de homenaxe a Rosalía de Castro e Daniel Castelao esta segunda feira (Foto: Arxina).
photo_camera A secretaria xeral de Galiza Nova, Marta Gómez, intervén no acto de homenaxe a Rosalía de Castro e Daniel Castelao esta segunda feira (Foto: Arxina).

Na véspera do Día da Patria Galega, Galiza Nova, organización xuvenil do BNG, reivindicou como todos os anos no compostelán Parque de Bonaval dúas das figuras máis importantes da historia galega: Rosalía de Castro e Daniel Castelao, dous "símbolos e exemplos para toda a mocidade que día a día loitamos polos dereitos que nos pertencen".

Nesta edición, Galiza Nova contou ademais coa presenza das organización xuvenís internacionais convidadas, que decidiron acompañar a mocidade nacionalista galega nestes días.

Intervencións

O acto contou coas intervencións políticas de Iago Mosquera, responsábel de Galiza Nova na Coruña, Marta Gómez, Secretaria Xeral da organización, e Noa Presas, deputada e membro da Executiva Nacional do BNG. Ademais o público puido gozar da actuación musical da banda Deninghures.

Iago Mosquera destacou o orgullo que supón para el militar en Galiza Nova “Como novo militante, para min é un orgullo estar hoxe aquí presentando esta homenaxe dúas figuras ilustres da nosa historia, que marcaron un camiño que nós, como galegos, temos o deber moral de continuar”

Marta Gómez, Secretaria Xeral de Galiza Nova, fixo énfase no importante papel da mocidade galega e animou a todas as mozas e mozos deste país a manter vivo o legado de Rosalía e Castelao. Indicou que “sabemos que non virá de fóra nin remedio nin esperanza e que a Galiza que queremos debemos construíla desde aquí” e finalizou indicando que “somos o motor do cambio que precisa este país, somos as que desde o presente loitamos e traballamos para garantir o noso futuro, para garantir esa Galiza ceibe na cal todas sexamos libres e iguais.”

Pola súa parte, a deputada do BNG, Noa Presas animou as mozas e mozos de Galiza Nova a non baixar os brazos e a seguir loitando polos intereses da mocidade galega como levan facendo máis de 35 anos.

“É nos contextos difíciles onde a mocidade debe actuar e ser determinante” destacou Presas, “sodes a forza máis que necesaria para facer que o noso país avance e siga avanzando día a día, a que fará que cheguemos todo o lonxe que nos propoñamos”.

Para rematar o acto, tivo lugar a tradicional ofrenda floral no Panteón dos Galegos Ilustres, onde repousan os restos de Rosalía e de Castelao.

Comentarios