Galiza Nova convoca a súa XVII Asemblea Nacional

A organización xuvenil analizou de “éxito” a campaña ‘Unha volta por Galiza’ coa que, afirman, percorreron máis de 4.000 quilómetros ao longo e largo do territorio galego "levando as propostas do BNG para a mocidade".
Dirección Nacional de Galiza Nova en que se convocou a Asemblea Nacional da organización (Foto: Galiza Nova).
photo_camera Dirección Nacional de Galiza Nova en que se convocou a Asemblea Nacional da organización (Foto: Galiza Nova).

A Dirección Nacional de Galiza Nova, organización xuvenil do BNG, vén de reunirse en Santiago de Compostela para "avaliar o traballo realizado nos últimos meses e organizar o traballo de cara ao novo curso político".

A organización xuvenil analizou de “éxito” a campaña ‘Unha volta por Galiza’ coa que, afirman, percorreron máis de 4.000 quilómetros ao longo e largo do territorio galego "levando as propostas do BNG para a mocidade".

No tocante ao traballo para os vindeiros meses, a Galiza Nova organizará a trixésimo cuarta edición das Xornadas de Verán en Vilanova de Arousa, os días 16 e 17 de setembro.

Sobre estas xornadas, avanzan que serán “moi produtivas, formativas e de convivio” e indican que nos vindeiros días poderase encontrar máis información ao respecto tanto nas redes sociais da organización como na súa páxina web.

Asemblea Nacional

O punto forte da xuntanza foi a convocatoria da Asemblea Nacional da organización nacionalista.

Pasados case dous anos desde que botou a andar a dirección actual, Galiza Nova convoca unha nova Asemblea Nacional, a décimo sétima, para o sábado 2 de decembro baixo o lema ‘Organizar agora a Galiza Ceibe do futuro’ e que terá lugar en Santiago de Compostela.

Con esta convocatoria a organización xuvenil encara tres meses de traballo tanto loxístico como orgánico de preparación da xuntanza, da que sairán os obxectivos para os seguintes dous anos e unha nova dirección política da organización.

Comentarios