Ana Miranda leva á Comisión Europea as eivas do transporte público galego

"Europa está a fomentar o transporte sostíbel e accesíbel, pero non se están achegando o diñeiro suficiente a través dos fondos europeos nin a Xunta nin o Goberno español están a cumprir", indicou a eurodeputada nacionalista.
Ana Miranda, eurodeputada do BNG (Foto: Nós Diario).
photo_camera Ana Miranda, eurodeputada do BNG, esta terza feira (Foto: Nós Diario).

A eurodeputada do BNG, Ana Miranda, trasladou a través dunha pregunta parlamentaria ante a Comisión Europea os "problemas do transporte público que desde hai semanas se producen na Galiza" e, desta maneira, informou das "dificultades" que atopan os usuarios de trens e autobuses como a "falta de prazas, necesidade de planificar con moita antelación a compra de billetes, a falta de frecuencias e os continuos atrasos".

Como tamén usuaria destes transportes, a eurodeputada nacionalista denunciou que todas as semanas se poden ver en estacións "ducias de viaxeiros que non poden facer uso do transporte ferroviario ou de autobús".

Ao seu xuízo, trátase dunha "situación moi grave que complica a vida de traballadores e estudantes" á hora de dirixirse a cumprir coas súas tarefas laborais ou académicas.

Así, e "sen cuestionar" a necesidade de potenciar o uso do transporte público, Miranda pon en dúbida a xestión da gratuidade das viaxes sen contar coa infraestrutura apropiada para dar resposta á demanda.

"É imprescindíbel o aumento de prazas para que ninguén fique en terra", subliñou Miranda, quen considerou tamén imprescindíbel realizar un estudo sobre o "desequilibrio evidente", entre a oferta e a demanda existentes.

"Europa está a fomentar o transporte sostíbel e accesíbel, pero non se están achegando o diñeiro suficiente a través dos fondos europeos nin a Xunta nin o Goberno español están a cumprir", indicou a nacionalista, quen criticou a "complicidade" do Executivo galego coa concesionaria de autobús (Monbus). "Non pode ser que o Goberno galego mire para outro lado", salientou.

Iniciativa no Congreso

Por outro lado, o deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, dirixiuse ao Goberno estatal para que "denegue a autorización" para a subestación eléctrica de Abegondo. "Este proxecto está envolvido nun enorme escurantismo desde o primeiro momento", apuntou.

Neste sentido, reclama ao Ministerio de Transición Ecolóxica (Miteco) que se teñan en conta as alegacións da veciñanza, colectivos e organizacións de Abegondo, "preocupados" polo impacto que vai ter na zona.

Na iniciativa parlamentaria, lembra que o pasado 1 de setembro foi publicado un anuncio do Ministerio de Política Territorial polo que se somete a información pública o anuncio de declaración de utilidade pública da nova subestación de 400 quilovatios de Abegondo, cuxa autorización depende da Dirección de Política Enerxética.

Rego tamén advertiu de que a fórmula da tramitación separada "impide unha avaliación de conxunto", debido a que se vai a analizar o parque de 400 quilovatios e o de 200 quilovatios separadamente e por dous órganos diferenciados. "É unha fragmentación fraudulenta desde o punto de vista das garantías ambientais", salientou.

Comentarios