Os fondos do Seminario de Estudos Galegos foron incautados e os seus membros, perseguidos

A Agrupación Cultural O Galo pon fin ás xornadas sobre o Seminario de Estudos Galegos.
Manuel Vilar, Mercedes Rozas e Xosé Ramón Ermida (Foto: Arxina).
photo_camera Manuel Vilar, Mercedes Rozas e Xosé Ramón Ermida (Foto: Arxina).

A compostelá Libraría Couceiro foi esta quinta feira o escenario da última  das xornadas sobre o Seminario de Estudos Galegos (SEG) centradas no centenario da histórica entidade promovidas pola Agrupación Cultural O Galo. A asociación compostelá dividiu en tres sesións as palestras en que varias persoas expertas trataron as diversas facetas do SEG, con motivo do centenario da súa creación.

A primeira intervención desta quinta feira correu a cargo do antropólogo e director do Museo do Pobo Galego, Manuel Vilar, que repasou a contribución do Seminario ao campo da antropoloxía da Galiza, é dicir, ao coñecemento da sociedade e á explicación de prácticas sociais, crenzas e costumes.

Despois foi a quenda da critica de arte e comisaria de exposicións Mercedes Rozas, que analizou como os artistas da época puideron recrear as mudanzas que se estaban a producir na sociedade nos tempos do SEG.

Represión

Fechou a xornada o investigador Xosé Ramón Ermida, que debullou a represión exercida polo franquismo contra o SEG a partir do golpe de Estado de 1936. Un proceso contra a institución, nada en 1923 na antiga casa de Rosalía de Castro en Ortoño (Ames), que se desenvolveu, dixo, en tres direccións. 

Primeiramente, lembrou, foi suspendida a actividade do SEG, posteriormente ilegalizado e cos seus bens e fondos, incautados. Unha segunda, explicou Ermida, afecta os seus socios, perseguidos polas súas posicións ideolóxicas. Unha terceira, sinalou o investigador, concirne á súa memoria, "esquecida e manipulada para desfigurar os seus obxectivos", até o punto, dixo, de "facer pasar o colectivo como un antecedente do Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento (Iegps), entidade creada polo franquismo dentro do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC), cuns fins antagónicos aos do Seminario de Estudos".

O grupo de persoas expertas que participou nestas xornadas analizará o legado do SEG nunha publicación especial do Sermos Galiza de 48 páxinas que este sábado acompañará Nós Diario.

Máis en MEMORIA E HISTORIA
Comentarios