O Consello da Cultura recreará cunha andaina a creación do SEG

Tamén haberá un congreso organizado en catro sesións, que terá lugar os días 10 e 11 de outubro e que leva por título 'Saber de nós: Cen anos do Seminario de Estudos Galegos'.
Reunión do Seminario de Estudos Galegos (Foto: Nós Diario).
photo_camera Reunión do Seminario de Estudos Galegos. (Foto: Nós Diario)

O Consello da Cultura Galega (CCG) presentou esta cuarta feira os actos centrais da conmemoración do centenario da creación do Seminario de Estudos Galegos (SEG). A presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez; a alcaldesa de Santiago de Compostela, Goretti Sanmartín; a directora do Museo do Pobo Galego, Concha Losada; o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, e o alcalde de Ames, Blas García, debullaron os actos que terán lugar entre os próximos días 10 e 12 de outubro.

Unha das actividades constará dunha andaina que busca recrear a realizada o 12 de outubro de 1923 cando Fermín Bouza Brei, Xosé F. Filgueira Valverde, Xosé Pena e Pena, Wenceslao Requeixo Bouet, Lois Tobío e Alberto Vidán Freiría saían de Compostela camiño do castro de Ortoño, lugar da nenez de Rosalía de Castro, andaina que derivou na creación do SEG.

"Viaxe pequena pero importante"

Concha Losada, explicou os detalles deste acto festivo: “É unha viaxe pequena pero importante, que sairá da alameda de Santiago o día 12 de outubro, para ir até Ortoño, onde colocaremos un ramo de flores diante da placa que lembra a constitución do SEG. Goretti Sanmartín destacou tamén que o Concello compostelán prepara un caderno específico sobre a historia do SEG, así como outros roteiros máis unha unidade didáctica, para darlle continuidade ao labor desenvolvido polo SEG.

Outro dos actos a desenvolver será un congreso organizado en catro sesións que terá lugar os días 10 e 11 de outubro e que leva por título 'Saber de nós: Cen anos do Seminario de Estudos Galegos'. Nel abordaranse, entre outras ideas, a madureza da concepción como nación europea.

Máis en MEMORIA E HISTORIA
Comentarios