Celanova homenaxea as familias dos asturianos fusilados en setembro de 1939

O Comité de Memoria Histórica da Comarca de Celanova recibiu este sábado as familias de dous dos republicanos fusilados e soterrados no cemiterio de Celanova.
Familiares de Marcelino Fernández García e Abelardo Suárez del Busto este 4 de xuño en Celanova.
photo_camera Familiares de Marcelino Fernández García e Abelardo Suárez del Busto durante a homenaxe en Celanova.

O cemiterio de Celanova foi a primeira parada para unha ducia de familiares de dous dos milicianos asturianos fusilados o 22 de setembro de 1939 e soterrados.

Chegaron onte á Galiza para participar nunha xornada organizada polo Comité de Memoria Histórica da Comarca de Celanova, o primeiro acto público de 2022, e tamén a primeira homenaxe que reciben os sete fusilados asturianos cunha ampla presenza dos seus familiares  máis directos.

Filla e neta

Até Celanova viaxou Josefina Fernández, filla de Marcelino Fernández García. A piques de facer 85 anos, é a terceira vez que visita o lugar. Fíxoo por primeira vez cando era unha bebé, canda a súa nai, antes do fusilamento de seu pai. Volveu nos anos 80, de novo acompañando súa nai para dar coa tumba do seu home. Nesta ocasión viaxou con cinco dos seus netos e bisnetos.

Por outra parte desprazáronse até Celanova netas, bisnetas e tataranetos de Abelardo Suárez del Busto. Gracia Gutiérrez é a parente directa máis próximas e foi a encargada de agradecer en nome de toda a delegación asturiana o esforzo do Comité de Memoria Histórica da Comarca de Celanova e a acollida da Corporación municipal no salón de plenos do Concello.

A ese acto de benvida, celebrado após unha ofrenda floral no cemiterio, asistiron representantes de todas as forzas políticas locais salvo do Partido Popular.

Xixón, Camposancos, Celanova

Foi o prólogo dunha xornada que continuou pola tarde e que reuniu no salón de actos do instituto de Celanova a José Antonio Uris, autor do ensaio A porta do inferno mais a Fran Alonso e Francisco Serrulla, membros do grupo de investigación Histagra da USC, responsábel dos traballos de exhumación de fosas na Galiza.

O seu relato serviu para rememorar o percorrido dunha trintena de presos asturianos que chegaron á Galiza procedentes de Xixón. Dalgúns non se sabe o seu destino final, outros foron executados no Campo de Aragón, en Ourense, e sete, en Celanova.

Os nomes e as historias de Baldomero Vigil Escalera Vallejo, 19 anos, pintor; Marcelino Fernández García, 21 anos, mecánico; Guillermo de Diego Álvarez, 25 anos, chofer; Alfonso Moreno Gayol, 26 anos, chofer; Abelardo Suárez del Busto, 28 años, albanel; Belarmino Álvarez García, 29 años, mineiro, e Mariano Blanco González, 36 años, litógrafo, coñécense desde que o Comité de Memoria Histórica da Comarca de Celanova empezou a divulgar o resultado das súas investigacións nos Arquivos de Ourense e Ferrol, onde apareceron as causas destes sete asturianos capturados polas forzas sublevadas tras a caída de Xixón a finais de outubro de 1937.

Detivéronos cando estaban a piques de fuxir por mar. Foron trasladados a Camposancos, onde foron xulgados en consellos de guerra e de aí a Celanova, onde unha unidade dirixida por Joaquín Ríos Capapé ─aínda hoxe fillo predilecto de Figueres (Girona), a quen reclamarán o fin desta distinción─ se encargou de fusilalos.

Exhumación

Mais serviu tamén para coñecer os detalles do camiño que aínda queda por pecorrer até a devolución dos seus restos á familias.

O proceso de intervención está pendente da sinatura do convenio entre a Xunta e Histagra, que o verán pasado iniciou traballos de exhumación en Vilagarcía e Crecente e que este ano ten previsto continuar en Lousame e Celanova.

Máis en MEMORIA E HISTORIA
Comentarios